A concellería de Muller e Igualdade de Burela convoca o IV Concurso de Lemas e o VIII de Microrrelatos

 A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade convoca o IV Concurso de Lemas e o VIII Concurso de Microrrelatos con motivo da celebración o vindeiro 25 de novembro do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A recepción de traballos remata o 19 deste mes.

O obxectivo do IV Concurso de Lemas é “transmitir a través de mensaxes curtas a importancia da educación en igualdade e da necesidade da eliminación da violencia contra as mulleres”, segundo explica Diana Durán. Nesta cita poderán participar todas as persoas empadroadas en Burela e cada unha pode enviar ata un máximo de 5 lemas, que deberá remitir á seguinte dirección de correo electrónico: cim@burela.org, indicando que é para o IV Concurso de Lemas e incluíndo o seu nome completo, número de teléfono e unha dirección de email á que se poida responder. O prazo de entrega rematará o 19 de novembro.

 

 

“O lema debe constar de sete palabras como máximo e debe ser o suficientemente significativo e estar relacionado co tema proposto. Entre todos os enviados escollerase un, que será o que distinguirá a celebración do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres no 2015”, segue a contar a concelleira de Muller e Igualdade.

No VIII Concurso de Microrrelatos tamén poderán participar todas as persoas empadroadas en Burela. Nas bases establécense dúas categorías: menores de 18 anos e de 18 en diante. Os dous gañadores recibirán sendos agasallos valorados en 75 euros, cada un. A temática deberá axustarse ao tema proposto. Os traballos deberán ser inéditos e non presentados en anteriores concursos. Deberán estar en tamaño A4, cunha extensión máximo de medio folio, preferiblemente en times new roman, tamaño 12, en lingua galega segundo a normativa vixente e, no caso de ser posible, en soporte informático. Os orixinais, asinados cun pseudónimo, quedarán en poder do CIM do Concello de Burela, que se reserva o dereito da súa publicación, exposición, doazón… ou calquera outro tratamento posterior, sempre sen ánimo de lucro. Os traballos deben presentarse antes do 19 de novembro no CIM, nun sobre ao que se axuntará outro pechado no que figurarán os datos da persoa autora.

Os nomes dos gañadores de ambos concursos: Lemas e Microrrelatos daranse a coñecer no acto público que se celebrará o 25 de novembro na Casa do Concello para conmemorar o día internacional contra a violencia de xénero.