A música de raíz de Habelas Hainas amenizará a queimada do venres, 14 de agosto, no Cámping Gaivota, en Barreiros.

A música de raíz de Habelas Hainas amenizará a queimada do venres, 14 de agosto, no Cámping Gaivota, en Barreiros.
 
O folk en feminino de Habelas Hainas porá música á queimada que este venres, 14 de agosto, organiza o Cámping Gaivota de Barreiros. É unha das propostas musicais de agosto nas instalacións xestionadas por Celso Dourado, e comezará ás once da noite. 
Dourado conta a historia deste grupo que xa actuou noutras ocasións no lugar: “é un grupo nacido no 2010 e as primeiras actuacións que fixeron foron precisamente no Cámping Gaivota.  Xúntanse catro rapazas para crear un proxecto, Habelas Hainas, e a súa grande versatilidade vai un pouco alén de ser multiinstrumentistas, xa que cada unha delas toca distintos instrumentos. Explorar outros eidos artísticos e, dalgunha maneira,  pódese dicir que as súas interpretacións rozan o poético e o teatral. Fan dos seus espectáculos algo diferente e senlleiro”. 
O artista barreirense subliña que “aínda que o punto de partida de Habelas Hainas é sempre a música tradicional de raíz, hai outros elementos que caracterizan este grupo e o fan singular. Séntense elas mesmas parte dunha tradición longa e viva da que xorde a natural necesidade de expresarse, sempre dende unha ollada, e isto é moi importante, feminista e social. Isto lévaas a explorar outras músicas, outros temas e a experimentar coa propia tradición. Están sempre en perpetuo traballo de indagación e aproveitamento dos recursos de cada instrumento. Crean un son enérxico, fresco e, dende logo, bastante orixinal. Esperamos que o tempo nos axude. Nas terrazas acompañando a queimada estas rapazas darán un espectáculo digno de ver porque sempre sorprenden”.