No forte de San Damián, en Ribadeo, pódese ver ata o 29 de xullo unha exposición de fotografías de Xosé Reigosa realizadas no hospital psiquiátrico de Castro de Rei.

No forte de San Damián, en Ribadeo, pódese ver ata o 29 de xullo unha exposición de fotografías de Xosé Reigosa realizadas no hospital psiquiátrico de Castro de Rei.
 
O forte ribadense de San Damián acolleu hoxe a inauguración dunha exposición de fotografías de Xosé Reigosa realizadas no hospital psiquiátrico de Castro de Rei. A mostra, titulada Entre Marbella e Torremolinos. Imaxes dun manicomio, pode visitarse ata o 29 deste mes.
Durante o acto inaugural o concelleiro de Cultura en Ribadeo, Farruco Graña, comentou que “as miradas das persoas que estaban sumidas no seu mundo particular e especial sempre foron unha característica da loucura. A mirada de Xosé Reigosa soubo captalas moi ben nesta exposición fotográfica que recolle a vida nun psiquiátrico por todos nós coñecido, porque probablemente pasáramos por alí en máis de unha ocasión camiño de Lugo e nos chamara a atención, primeiro o propio edificio: unha cousa moi singular, alí en Castro de Rei, en plena Terra Cha, e que ademais puideramos contemplar ás moitas persoas que estaban alí internadas facendo vida pola vila cos seus paseos, esa inmensa recta que dá entrada a Castro de Rei, intentando vivir a súa vida”.
Farruco Graña engadiu que o Concello ribadense “segue apostando por un verán cheo de actividades e é para nós unha honra que Xosé Reigosa se lembrara de chegar até aquí a súa obra e dar vida a este forte de San Damián, tan emblemático para a historia de Ribadeo. Eu sigo prendado por esta fotografía que temos aquí, que reflicte tan ben a inestabilidade da vida emocional”.
Pola súa banda Xosé Reigosa explicou que esta obra “foi feita durante o ano 2011. O manicomio levaba 20 anos pechándose, pero ía tirando. En 2011 achégome até alí coa intención de fotografar as pegadas, o que quedase. Pasaba por alí con certa frecuencia e unha vez que vin aquel edificio, con aquela magnitude, quedei abraiado. Pedín permiso para facer o traballo antes de que se pechase, coa condición de que as persoas non se recoñecesen. Estiven traballando durante boa parte do 2011 e cando considerei que tiña unha colección para facer unha exposición fixen un documental de 20 minutos con entrevistas”.
O autor das fotos aclarou que “aínda que se poda pensar que si, non o fixen por criticar nin denunciar nada. Fíxeno por unha cuestión estética; eu non son xornalista, son fotógrafo. Teño o reto de buscar a beleza dentro da fealdade. Que existan estas institucións no século XXI é un pouco anacrónico. Os enfermos mentais sempre foron rexeitados pola sociedade. En certo modo seguimos tendo ese rexeitamento cara a loucura, que trouxo como consecuencia que existiran estas institucións. Así pasaban casos como o de Anselmo López, un señor que cando tiña 20 e poucos anos e estaba nunha festa, meteuse cun Garda Civil e, en lugar de levalo ao cuartelillo,  dixeron que estaba tolo e metérono no manicomio. Botou 43 anos nel. Chega un momento no que se institucionaliza. Temos un personaxe coñecido noso, Antón Moreda, que pasou alí longas tempadas e morreu no manicomio. A enfermidade mental, que debería ser tratada como unha máis, non o era. Dicíase que había unha pedra da loucura, logo viñeron os electroshocks e até os anos 80 do século pasado non había unha medicación que puidera tratar estas enfermidades. Que existira un manicomio no século XXI era un pouco consecuencia de todo isto”.