
O Concello de Xove presenta unha nova edición da festa de San Antonio da Rigueira e amosa a súa satisfacción e ilusión ante a chegada dunha nova edición desta celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2023 e que “constitúe un dos grandes referentes festivos e culturais da comarca”. O sábado 13 de xuño veciños, veciñas e visitantes volverán reunirse nunha xornada “na que se mesturan tradición, devoción, música, gastronomía e, sobre todo, o espírito de convivencia que caracteriza esta romaría”.
Na presentación oficial do cartel participaron o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro; a concelleira de Cultura, Dolores Meitín; a concelleira de Turismo e Medio Ambiente, Cecilia Duarte; así como os representantes da comisión de festas José Antonio García Fernández e Juan José García Sánchez.
O Concello de Xove explica que “o San Antonio da Rigueira é unha festa con fondas raíces históricas e cun enorme valor sentimental para os veciños e veciñas da parroquia e de todo o municipio. Cada ano son centos as persoas que se achegan para participar na celebración, tanto da comarca como doutros puntos de Galicia e Asturias, atraídas pola singularidade desta tradición. O Concello quere convidar a toda a cidadanía a achegarse ese día á Rigueira para vivir o ambiente festivo, desfrutar das actividades programadas e contribuír a manter viva unha celebración que forma parte esencial da identidade e do patrimonio cultural de Xove. O desexo da organización é que o bo tempo acompañe e que esta edición volva converterse nunha xornada inesquecible.
A romaría ao San Antonio Ventureiro da Rigueira foi durante décadas unha das celebracións máis coñecidas de Galicia, ata o punto de que moitas persoas de Galicia e Asturias identificaban o municipio de Xove con esta festa. Consciente da súa importancia cultural e social, o Concello iniciou no ano 2009 un proxecto de recuperación da romaría, devolvéndolle o protagonismo que tradicionalmente tivera en todas as parroquias do concello, consolidándose como unha das celebracións máis representativas do municipio”.


