
O Concello de Cervo anima á veciñanza e aos visitantes a participar nas tradicionais Festas da Senra, que se celebrarán este sábado 27 de xuño cun programa relixioso, cultural e festivo organizado pola Asociación Cultural e Recreativa O Raxal, coa colaboración do Concello de Cervo.
A presentación da programación contou coa participación da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e de membros da Asociación Cultural e Recreativa O Raxal, que destacaron a importancia de manter vivas as tradicións e de impulsar actividades que favorezan a convivencia e a participación veciñal.
A xornada dará comezo ás 13:00 horas coa misa na honra de San Pedro e da Virxe do Carme, cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida da tradicional procesión acompañada polo grupo Fol do Raxal. A continuación celebrarase unha sesión vermú amenizada pola orquestra Galaxia, que tamén será a encargada de poñer a música á verbena nocturna, prevista para as 22:30 horas, xunto á discomóbil ConXuro.
Os actos festivos prolongaranse ata o luns 29 de xuño, día de San Pedro, cando terá lugar unha misa na súa honra ás 19:00 horas.
Desde o Concello de Cervo e desde a Asociación Cultural e Recreativa O Raxal convidan a toda a cidadanía a achegarse á Senra “para gozar dunhas festas que combinan tradición, música, relixiosidade e convivencia, converténdose nunha cita destacada do calendario festivo do municipio”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “as Festas da Senra son unha cita moi especial dentro do calendario festivo de Cervo porque representan o compromiso da veciñanza coa conservación das nosas tradicións e coa dinamización social e cultural das parroquias”. Ademais quixo agradecer o traballo da Asociación Cultural e Recreativa O Raxal, sinalando que “o labor que realiza durante todo o ano é fundamental para manter vivas celebracións tan arraigadas como esta, que cada edición reúnen a numerosas persoas arredor da música, da tradición e da convivencia”.
García Caramés tamén convidou á participación cidadá: “animamos tanto aos veciños e veciñas como ás persoas que nos visitan a achegarse á Senra e desfrutar dunha programación pensada para todos os públicos, que combina os actos relixiosos coa música e o ambiente festivo característico destas datas”.


