
O territorio do GALP A Mariña-Ortegal incorpora PescaTurismo Burela, unha experiencia de turismo mariñeiro desenvolvida no marco de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que participan os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. A proposta, desenvolvida por Miguel Ángel Couto Cilleiro, patrón do Virxen do Rocío, convida a descubrir a pesca artesanal de Burela desde dentro, acompañando ao profesional durante unha saída real de traballo a bordo da súa embarcación.
O GALP A Mariña-Ortegal explica que esta experiencia “permitirá coñecer como se prepara unha xornada de pesca desde o propio porto de Burela, embarcar no Virxen do Rocío e navegar ata a zona de pesca. Ao longo da saída, as persoas participantes poderán observar o traballo coas nasas empregadas para a captura de nécora e polbo, así como achegarse ao proceso de interpretación das capturas e ás decisións que forman parte do día a día dunha xornada no mar. O estado do mar, as especies, as tallas, as vedas ou a situación dos recursos son algúns dos factores que condicionan continuamente o traballo a bordo. A través da experiencia directa, a proposta permitirá comprender como estes elementos forman parte das decisións que deben tomar diariamente os profesionais da pesca e como o coñecemento do medio resulta fundamental para desenvolver a actividade. Miguel Ángel compartirá cos participantes os seus coñecementos e vivencias acumulados durante anos de traballo no Cantábrico, achegando a súa propia perspectiva sobre o oficio, o día a día a bordo e a relación co medio mariño. Deste xeito, a experiencia permitirá coñecer a pesca artesanal desde a mirada de quen a desenvolve directamente e comprender todo o que hai detrás dunha xornada de traballo no mar”.
PescaTurismo Burela “pretende así ofrecer unha visión próxima da realidade da pesca artesanal e da relación que existe entre o traballo dos profesionais do mar e o coidado dos recursos. A experiencia permite descubrir unha actividade na que o coñecemento do territorio, a observación do medio e a toma de decisións forman parte inseparable da xornada laboral”, engade o GALP A Mariña-Ortegal, que tamén indica que “a proposta permite poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o proceso formativo e transformalos nunha experiencia directamente vinculada á realidade pesqueira de Burela, poñendo en valor o oficio, o patrimonio marítimo-pesqueiro e os saberes que se transmiten entre as persoas que viven e traballan no mar. Deste xeito PescaTurismo Burela contribúe a achegar a realidade da pesca artesanal á cidadanía e a explorar novas posibilidades de diversificación arredor do sector, utilizando o propio coñecemento e a experiencia dos profesionais como recurso para descubrir o territorio”.
Mar e Rías: Pesca & Turismo continúa así impulsando propostas que “conectan o mar coa sociedade e permiten coñecer Galicia costeira desde a perspectiva das persoas que viven e traballan nel”.


