60 nenas e nenos acudirán este verán ao programa de actividades organizado polo Concello de Cervo para facilitar a conciliación familiar.

O Concello de Cervo arrincará o próximo luns, 5 de xullo, unha nova edición do programa Cervo Concilia concibido co obxectivo de favorecer a conciliación das familias durante os meses de verán.

A edil de Educación, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Deportes, David Rodríguez, mantiveron un encontro cos pais e nais das crianzas inscritas no programa a fin de explicarlles polo miúdo os protocolos de seguridade establecidos e como se desenvolverá o día a día deste programa, que terá lugar de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:30 horas; e que se prolongará ata o día 8 de setembro, coincidindo co comezo do novo curso escolar.

Caramés precisou que desde o Concello de Cervo “levamos meses traballando para poder deseñar un programa co que poder chegar a todas as familias de Cervo e que ningún pequeno/a quedase sen praza”, confeso que non foi nada doado –engade- “porque a situación sanitaria require dunha loxística complexa, pero redobramos esforzos e finalmente, puidemos conseguir ese obxectivo”; para ofrecerlles o servizo a uns 60 nenos/as, que formarán grupos burbulla capitaneados por un cadro de 10 monitores/as.

Pola súa banda, o edil de Deportes, apuntou que o programa contempla un completo calendario de actividades educativas e lúdicas pensadas para as crianzas nestas datas de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe e incidindo especialmente no concepto da conciliación das familias; e nesta ocasión, ademais –apunta- primaremos as saídas ao aire libre e as actividades en exteriores, en contacto coa natureza, sempre que o tempo o permita, programando rutas polo municipio e actividades de carácter medioambiental, ademais de promover actividades deportivas cunha importante aposta polas disciplinas individuais a raíz do COVID-19.

O programa, que é de balde, está dirixido aos pequenos e ás pequenas de entre 3 e 12 anos.