68 equipos procedentes de 7 países se darán cita en Ribadeo os días 27 e 28 de maio no XVII Torneo Internacional de Fútbol de Veteranos.

Os días 27 e 28 de maio terá lugar o XVII Torneo Internacional de Fútbol de Veteranos Vila de Ribadeo, que organiza a asociación de veteranos do Ribadeo FC. O evento foi presentado no salón de plenos do Pazo de Ibáñez. 

Segundo os organizados neste evento daranse cita 68 equipos: 6 portugueses, 1 irlandés, 2 paraguaios, 1 arxentino, 1 brasileiro, 2 franceses (un deles da illa Mayotte, que está no océano Índico) e o resto españois (de Andalucía, Madrid, Castela-León, Cantabria, Asturias e Galicia). Os organizadores estiman que entre todos os equipos desprazarán a Ribadeo a máis de 2.000 persoas.

Na quenda de intervencións o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, sinalou: “desde o Concello de Ribadeo queremos dar, outro ano máis, o noso caloroso recibimento a toda esta xente que fai posible este torneo, tan grande, tan internacional e tan importante, tanto para o fútbol como para Ribadeo”.

O rexedor dixo que “este torneo, que organiza a Asociación de Veteranos do Ribadeo Fútbol Club, ten o apoio das institucións públicas e entre todos vamos facer que Ribadeo sexa un lugar cunha grande intensidade de xente de fóra, de aquí e de acolá, durante uns días, o que vai ser algo impresionante para vivir, tanto nos partidos que se celebrarán en Ribadeo e nos concellos dos arredores como para comprobar que a hostalería e o comercio se van ver notablemente impulsados por este acontecemento”.

O xefe territorial de Deportes, Manuel Otero, comentou: “temos que darlles a benvida a todos os protagonistas, a todos os deportistas, a todos os clubs que nos van visitar desde distintos países, desde diferentes puntos da xeografía nacional e tamén algún equipo galego. A todos os deportistas voulles pedir que veñan a disfrutar do deporte e  a demostrar que son un exemplo de xogo limpo, que saiban competir e gañar, pero sobre todo que saiban perder”.

Tamén tomou a palabra o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, quen explicou que “este ano xa son 68 equipos de diferentes nacionalidades e por parte do Concello apoiamos no que podemos e agradecemos moito o esforzo que fai a asociación de veteranos do Ribadeo FC, que é algo moi importante porque é un evento que toca non só a Ribadeo, que estará a tope, senón tamén a outros concellos da zona porque van competir en diferentes instalacións de distintos municipios”.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, sinalou: “quero agradecer a presenza e dar a benvida a todos os clubs participantes neste Torneo Internacional de Veteranos, que xa vai pola súa décimo sétima edición, e que supón un pracer e un orgullo para o Concello de Ribadeo poder acollelos aquí, no noso concello e nos limítrofes”. E subliñou: “imos ter a  nosa vila chea eses días e tamén os concellos da contorna. Serán arredor de 2.000 persoas ás que se darán cita en Ribadeo, chegadas desde diferentes latitudes do mundo. Isto suporá unha importante dinamización da nosa economía e pídolles a todos que disfruten e que difundan aló por onde vaian todas as nosas marabillosas virtudes como grandes acolledores”. 

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, manifestou: “desde Acisa Ribadeo estamos encantados de colaborar, un ano máis, con este torneo internacional Vila de Ribadeo, que organiza a Asociación de Veteranos do Ribadeo FC. É a 17ª edición, sabemos que vai mover a moita xente e iso supón algo moi importante para o comercio, para a hostalería e para os hoteis da Ribadeo”. E engadiu: estamos encantados de recibilos a todos eles, agardamos que disfruten da súa estadía entre nós e animamos aos organizadores a seguir traballando neste sentido porque Acisa seguirá tamén remando na mesma dirección”.

Desde a asociación de veteranos do Ribadeo FC o seu presidente, Juan Rodríguez Peceux, indicou que “desde a organización só nos queda agradecer a todos aqueles que fan posible que este torneo siga crecendo e que ano tras ano poida encher Ribadeo e as comarcas limítrofes. Quero desexarlles a todos os participantes que veñan a divertirse e a coñecer moito a zona na que van estar”.

No acto de presentación participaron tamén o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.