Acia Foz sorteará 15 desexos na súa campaña de Nadal. En total destina a premios 1.500 euros

AciaFozCCA sorteará 15 desexos na súa campaña de Nadal, que foi presentada polo presidente do colectivo empresarial, José Carlos Paleo. No acto participaron tamén o alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Comercio, Kathy Navarro. 

Todas as persoas que realicen as súas compras en calquera dos preto de 80 negocios locais que participan na campaña de Nadal entre o 15 de decembro e o 6 de xaneiro terán a posibilidade de entrar no sorteo de 15 premios de 100 euros en vales de compra cada un. O sorteo realizarase en Radio Foz o 8 de xaneiro. 

O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, anima “á veciñanza de Foz a facer as súas compras de Nadal no comercio da nosa vila, onde atoparán un trato próximo e unha cara amable que os atenderá e os asesorará da mellor maneira posible. É tempo de facer os soños e os desexos realidade e todo o que precisamos para sorprender á familia e ás amizades podemos atopalo en Foz”.

Paleo aproveita para desexarlles unhas felices festas e un bo 2024 e engade: “mercando aquí facemos vila, facemos pobo. E iso é o importante sempre, pero sobre todo nestas datas que son as de maior consumo do ano”.