Apaga organiza en Ribadeo os días 16 e 17 de decembro un curso sobre seguridade, prevención e roubo de vehículos e roubo con forza en empresas

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia organiza en Ribadeo un curso que abordará a seguridade, a prevención e o roubo de vehículos así como o roubo con forza en empresas. Terá lugar os días 16 e 17 de decembro nas instalacións de Apaga, en Vilar. A inscrición está aberta.

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, explicou que “os días 16 e 17 de decembro vamos realizar un novo curso, neste caso cunha temática diferente ao que estábamos facendo ata agora: Seguridad, prevención y robo de vehículos y robo con fuerza en empresas. Tratarase todo o tema de emerxencias, investigación e prevención tanto en vehículos como en empresas, especialmente en naves industriais”.

Doural subliñou que “vºamos contar cun especialista que forma parte dos corpos de seguridade do Estado, que nos vai impartir este tipo de temática. Terá unha duración de 16 horas, hai 15 prazas e a inscrición faise enviando un correo á nosa dirección, que é apagaribadeo@gmail.com, ou a través do teléfono 639.88.49.45”.

O presidente de Apaga indicou que “o curso está aberto a todos os que queiran participar. Hai persoal dos corpos da Garda Civil e da Policía que xa fixeron a solicitude, pero está aberto a todo o mundo, como todos os nosos cursos, nos que o único problema que pode haber para asistir é o límite de prazas. Polo tanto a xente que estea interesada poderá participar no curso. O prazo de inscrición estará aberto ata o 9 de decembro, unha semana antes de iniciarse o curso”.

Álvaro Doural engadiu que “ademais este mes estamos dedicándonos á planificación das accións europeas que vamos iniciar a partir do 1 de xaneiro: todo o que é mobilidade de alumnado e de profesorado; o proxecto de innovación sobre hidróxeno verde para vehículos, que tamén vai arrancar en xaneiro. Tamén temos previsto facer no primeiro mes do vindeiro ano outras actividades, posiblemente un curso de soldadura despois de Reis e algún outro tipo de iniciativa formativa que vai arrancar paralelamente coas accións de Erasmus”.