Arredor de 700 palilleiras participarán no XIV Encontro de Palilleiras, que terá lugar en San Ciprián o 1 de abril. Haberá exhibicións e actuacións musicais.

O  Concello de Cervo celebrará XIV Encontro de Palilleiras o sábado 1 de abril.
Así o desvelaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil delegada de Muller e Igualdade, Pilar Armada, na presentación do evento, que tivo lugar na Casa do Mar de San Ciprián, onde tamén estiveron presentes mulleres integrantes de diferentes asociacións de palilleiras e bolillos da localidade.

Villares sinalou que se trata dun “evento máis que consodidado en Cervo, que cada ano atrae a milleiros de visitantes ao noso Concello, que se convirte esa fin de semana na capital deste arte, unha tradición artesanal que cremos primordial que se manteña viva con encontros como o que levamos celebrando durante 14 anos  en San Ciprián”.

Así, -engadiu- “estimamos que serán máis de 700 as palilleiras as que se achegarán ata Cervo ese día, de feito non deixamos de recibir chamadas de asocacións interesadas en participar e xa estamos a piques de completar o aforo do pavillón da Veiga. As palilleiras proceden de toda Galicia, e tamén doutras comunidades, fundamentalmente Asturias e Castela León”.

“O que pretendemos dende este equipo de Goberno é promover eventos que, ademais do inherente valor cultural e tradicional, revirtan económicamente en Cervo e no seu tecido empresarial como é o caso, xa que estimamos que entre palilleiras, acompañantes e visitantes, esa fin de semana visitarán o noso Concello máis e 2000 
persoas, que poderán coñecer tamén os atractivos turísticos, gastronómicos e patrimoniais do municipio; conseguindo así, ao tempo, desestacionalizar o turismo”.

Pola súa banda Armada desgranou o programa sinalando que “ás 10:00 horas está prevista a recepción dos participantes e xa ás 12:30 do mediodía terá lugar a inauguración do  XIV Encontro de Palilleiras. Ata as 14:00 horas está previsto o enceto dos traballos das palilleiras e ás 13:00 horas, dendo o Concello de Cervo, programamos unha visita á Fábrica de Cerámica de Sargadelos. Logo de xantar e ata as 18:00 horas, as participantes estarán palillando no pavillón acondicionado para a ocasión.

Durante todo o día –engadiu Armada- “haberá exhibición de fiada de liño e la, a cargo das mulleres de San Bartolomeu de Insua, de Vilalba, e no transcurso de Encontro, faremos entrega de diplomas acreditativos aos mozos e mozas que veñan palillar, ademais de diversos sorteos que temos previstos”.

Ademais, a xornada estará amenizada polo Grupo Folclórico Airiños do Xunco, de Cervo, e, como vén sendo habitual, haberá unha carpa anexa ao pavillón na que se venderá artesanía e todo tipo de produtos relacionados coa actividade. Para a venda, xa está pechada a incrición e hai incluso lista de espera, serán medio cento os postos que se instalarán, procedentes de todo o territorio nacional.

Villares e Armada convidaron a todo o mundo a asistir a este Encontro no que se poderá “gozar da beleza dos traballos confeccionados por expertas palilleiras e da súa destreza, contribuíndo así á conservación e posta en valor deste oficio con séculos de historia”.