Ata o 15 de setembro pódese visitar no forte de San Damián, en Ribadeo, a exposición "Nordesía. Unha viaxe artística de Bergantiños á Mariña".

Hoxe, venres, inaugúrase no Forte de San Damián, en Ribadeo, a exposición Nordesía, unha viaxe artística de Bergantiños á Mariña, que recolle obras de creadores e creadoras procedentes de Carballo. Será ás 19:00 horas e alí permanecerá aberta ata o 15 de setembro. Ademais na Sala de Turismo continúa ata o 22 de setembro unha mostra de esculturas de César Castaño.

O concelleiro de Cultura en Ribadeo, Farruco Graña, lembrou que “segue aberta ao público a exposición de César Castaño A fuego y martillo, que se pode visitar na Sala de Turismo en horario de 10:00 a 13:30 horas, e de 16:00 a 19:00 horas. Trátase de esculturas labradas a fuego y martillo como ben reza o título da exposición, e que se poden contemplar ata o 22 de setembro”.

Farruco Graña anunciou que “desde a terra de Bergantiños chega unha mostra colectiva de creadores e creadoras vinculados a Carballo (A Coruña), coa que se pretende dar a coñecer os traballos que están a desenvolver un grupo de artistas hoxe pertencentes na súa maioría á Asociación Artística Creaformas. Este venres, ás sete da tarde, no forte de San Damián, inauguraremos a exposición Nordesía. Unha viaxe artística de Bergantiños á Mariña. No acto haberá un pequeno recital de poesía e poderemos escoitar tamén a música da cantautora ribadense Carmen Rodríguez. Esta exposición vai estar aberta ao público do 1 ao 15 de setembro, de martes a domingo, de 11:30 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas”.

O edil nacionalista explicou que “o colectivo Creaformas aglutina autoras e autores de traxectorias e modalidades artísticas moi diversas. Ademais de vínculos persoais e en moitos casos de amizade, úneos a posta en marcha dun traballo en común a raíz dunha exposición colectiva que tivo lugar hai dez anos no Concello de Carballo, da cal xurdiu unha relación moi estable que se mantivo no tempo. Dende aquela realízase no Concello de Carballo unha mostra con carácter anual e cunha temática conxunta. Neste ano 2017, e tras o convite do Concello de Ribadeo para devolver a visita que os creadores e creadoras mariñáns fixeron á vila carballesa no mes de maio pasado, esta mostra viaxe á Mariña mindoniense”.

Farruco Graña engadiu que “o tema escollido para a exposición neste 2017 era o luscofusco, pero o falecemento hai uns meses de Paco Souto, un dos integrantes deste colectivo, fixo que moitos dos seus compoñentes decidirán modificar a súa obra no seu recordo. Así mesmo tamén queremos lembrar, neste intercambio artístico, a obra do carballés Alberto Gende, que nos deixou en 2012, e que tamén estaba vinculado con este grupo de homes e mulleres da creación bergantiña. Por iso se enriquece esta exposición coas súas Pinturas Ocultas”.