A Banda de Betanzos actúa o 1 de outubro no Cine Teatro de Ribadeo. A entrada é de balde.

Este domingo, día 1 de outubro, ás 19:00 horas no Cine Teatro de Ribadeo haberá un concerto da Banda Municipal de Betanzos, con entrada de balde. Está organizado pola asociación Amadores da Música coa colaboración do Concello ribadense. Por outra parte a Banda Municipal de Música de Ribadeo tamén actuará este domingo, día 1 de outubro, nas festas de San Miguel de Reinante. 

O director da Banda ribadense, David Ballester, anunciou hoxe que “este domingo no Cine Teatro ás sete da tarde terá lugar un concerto da Banda Municipal de Música de Betanzos. Este concerto está enmarcado no intercambio que facemos con eles, xa que a Banda de Ribadeo acudiu hai uns anos a Betanzos a facer un concerto no festival de bandas desa vila. Debido a non posibilidade de acudir a Banda de Betanzos cando que temos aquí o festival de bandas decidimos trasladar o seu concerto a estas datas”.

David Ballester quere “invitar a toda a xente que estea por Ribadeo este domingo a que acuda ao Teatro a gozar do concerto da Banda Municipal de Música de Betanzos. Polo que me comentaron ofrecerán un repertorio variado con obras de diferentes compositores e distintos estilos, polo que vai ser ameno”.

Ballester engadíu que “no referente á Banda de Ribadeo xa retomamos a actividade outra vez e este domingo actuaremos en San Miguel de Reinante con motivo das súas festas patronais. Invitáronos e estaremos alí o domingo para facer un pequeno concerto ao mediodía, despois da misa”.