Burela celebra as súas festas patronais ata o vindeiro 4 de xuño. Haberá karaoke, verbenas, procesións e actividades para os máis pequenos.

As festas patronais de Burela, que comezaban o pasado sábado, continúan esta semana con diversas actividades como o karaoke infantil-xuvenil que se celebrará o mércores, día 29 de maio, a partires das 20:30 horas. O xoves 30 será o karaoke senior que dará comezo ás 21:00 horas. Estas actuacións terán lugar na Casa da Cultura e os ensaios desenvolveranse de 17:00 a 19:00 horas.

O venres, día 31, actuarán as orquestras Finisterre e Paris de Noia, a partires das 23:00 horas no recinto das festas.

O sábado, 1 de xuño, ao longo de toda a xornada, terá lugar a confección da alfombra floral. Ás 14:00 horas, a sesión vermú correrá a cargo da orquestra Israel, e ás 21:00 horas, na igrexa parroquial, celebrarase a misa cantada pola Coral Polifónica de Burela. Ao remate da misa procederase á baixada das imaxes da virxe do Carme e San Xoán Bautista ao altar instalado na nave de redeiras do porto. Ás 23:00 horas dará comezo a verbena coas orquestras Israel e Garibaldi.

O domingo, día 2, ás 11:45 horas, celebrarase a misa cantada polo Coro de Cervo no altar sito na nave de redeiras do porto e ao remate sairá a procesión marítima na que a Virxe do Carme será portada polo buque pesqueiro Siempre San Prudencio. Ás 14:15 horas, a sesión vermú estará amenizada pola orquestra Ritmo Joven, que tamén actuará na verbena xunto ao Combo Dominicano.

O luns 3 ás 12:00 horas comezará a procesión de subida das imaxes ata a Igrexa Parroquial de Santa María. Ás 14:00 horas, celebrarase a sesión vermú coa orquestra Trébol, que ademais estará pola noite na verbena na que tamén actuará a orquestra Panorama.

As patronais de Burela rematarán o martes, 4 de xuño, ás 12:00 horas, coa cerimonia da ofrenda floral no porto, en homenaxe ás persoas que levou o mar, a cargo da embarcación Salvamar Saturno da Cruz Vermella Burela.