Burela será a protagonista de A Mariña en Ruta o 29 de outubro. A inscrición está aberta para as actividades de novembro.

O vindeiro sábado, 29 de outubro, seguirá A Mariña en Ruta cunha andaina por Burela, de asentamento castrexo a vila medieval, guiada por Lidia de la Fuente. Trátase dunha ruta peonil no centro urbano de Burela e á beira do mar, que lles permitirá aos participantes viaxar no tempo desde o seu orixe prehistórico ata converterse nun dos principais portos do Cantábrico.

O percorrido levaraos ata Cabo Burela, defensa natural para o antigo castro que escondeu durante séculos o impresionante Torques. E continuará ata a igrexa da Vila do Medio, onde as pinturas góticas son testemuña do pasado medieval dunha vila que se converteu nun dos principais portos pesqueiros do país. 

A actividade do pasado sábado, que discorreu por Alfoz, estivo centrada na explotación aurífera. Ao longo da historia existen diferentes momentos nos que se ten constancia de que os habitantes dos castros e os colonizadores romanos se dedican a esta actividade, na que empregaban o sedimento e as bateas, que lles axudaban a extraer as partículas de ouro. Tras unha breve explicación da historia aurífera de Galicia e da Mariña Lucense o xeólogo Fran Canosa amosoulles aos asistentes  como limpar o sedimento e filtralo para que as partículas de ouro quedasen na parte inferior dos cubos. 

Rutas de novembro

Por Valadouro, Lourenzá, Trabada, Foz e Barreiros seguirá A Mariña en Ruta en novembro. A Mancomunidade ven de presentar os roteiros do vindeiro mes para os que está aberta a inscrición.

O 1 de novembro terá lugar a Ruta dos Pozos, no Valadouro. 
O día 5 A Mariña en Ruta seguirá con O Conde Santo e o fenómeno medieval da peregrinación (Lourenzá). 
O 12 de novembro: Trabada, camiñando ao pasado (Trabada). 
O día 19 está programada unha visita ornitolóxica á ría de Foz. 
E o 26 de novembro rematará esta nova edición de A Mariña en Ruta con A vida aos pés da Ría de Foz-Masma (Barreiros). 

A cuarta edición de A Mariña en Ruta daba comezo o pasado 8 de outubro. Trátase dun proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. 

A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta Email: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono 644 009 722

Experiencias de Turismo Slow
Por outra banda, ata o 12 de novembro en Cedeira, Barreiros, Foz, nas Fragas do Eume ou a carón do río Sor ten lugar o programa Experiencias de Turismo Slow. Son seis propostas relacionadas co benestar e a natureza, que se desenvolverán nos territorios da Mariña Lucense e Ferrolterra-Rías Altas, que de xeito conxunto conforman o proxecto Turismo Slow Norte de Galicia.

Na Mariña Lucense haberá a vindeira fin de semana, do 28 ao 30 de outubro, un obradoiro de fotografía creativa e slow con pernoita no Hotel Rías Altas, en Barreiros, e da man de Xaora Fotógrafos. E do 4 ao 6 de novembro na casa rural Os Tres Teixos, en Foz, está deseñado un programa de crecemento persoal da man de Ana Saiz, psicóloga, acompañante emocional, terapeuta e escritora.

Toda a información e reservas das actividades poden realizarse en https://www.reservaonline.support/turismoslow/index.html