A Casa da Cultura de San Ciprián acolle ata o 30 de xullo a mostra de labores da asociación de mulleres rurais As Espalladoras.

A Casa da Cultura de San Ciprián acolle unha mostra de labores da Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras.

Son os traballos que fixeron ao longo do curso un grupo de 20 mulleres deste colectivo no local municipal de Castelo, baseados fundamentalmente na pintura e na técnica do macramé.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, xunto a  edil de Cultura, Dolores García Caramés, e de Muller e Igualdade, Pilar Armada, acompañaron na inauguración da exposición a unha representación deste colectivo.

A mostra, pódese visitar ata o día 30 de xullo, en horario de 11:00 a 13:00 horas, pola mañá; e de 18:00 a 21:00 horas, pola tarde.

As Espalladoras, da man da súa monitora Fuensanta Alonso, converteron a sala expositiva nunha casa, simulando o salón, os diferentes cuartos, o baño, o comedor…decorados con elementos creados coas súas propias mans.

Ademais tamén teñen á venda diferentes pezas elaboradas por elas mesmas. 

O rexedor quixo felicitar a este grupo de mulleres polo traballo que fan coas súas mans; e convidou a todo o mundo a que se achegue estes días ata a Casa da Cultura.
Villares recordou que as diferentes salas expositivas do Concello - a da Casa da Cultura, de San Ciprián, a sala de exposicións do Edificio anexo ao Concello, en Cervo; e tamén un espazo habilitado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos- están a disposición daquelas asociacións, veciños, e artistas de diferente índole, que desexen dar a coñecer o seu valioso traballo; porque un dos obxectivos do Concello de Cervo “é darlle dinamismo ás salas expositivas coas que contamos, e a nosa idea, deste xeito, é que estean sempre vivas, sendo espazos de encontro dos nosos veciños e visitantes co mundo da arte nas súas diferentes facetas”.