Chévere, Carlos Blanco, Cándido Pazó ou Leilía son algunhas das propostas culturais do Concello de Ribadeo para o primeiro trimestre do ano.

Chévere, Carlos Blanco, Cándido Pazó ou Leilía son algunhas das propostas da Concellaría de Cultura de Ribadeo para o primeiro trimestre deste 2023. A axenda foi presentada por Pilar Otero Cabarcos. Seguirán os ciclos O Concello cos Coles e Cultura nas Parroquias así como as actividades do Apego para as crianzas. 

A edil ribadense dixo: “comezamos a presentación xa cunha cita para este venres, 27 de xaneiro, no auditorio municipal. A compañía de teatro Chévere, que leva 35 anos enriba dos escenarios e como din eles, na retagarda do teatro, un teatro que sempre é crítico, ao fío da actualidade, experimental nas súas formas, ameno e que sempre conta co favor do público. Nevermore, concibida como reflexión da catástrofe do Prestige e destinada a espazos máis grandes, logo de cumprida esa etapa está agora en xira por espazos coma o Hernán Naval”. 

Pilar Otero indicou que “neste punto temos que facer un recordatorio sobre o ciclo O Concello cos Coles. É esta unha liña de actividades propostas por diferentes áreas do Concello  e escollidas polos centros. Con elas quérese apoiar, diversificar, ampliar o labor nas aulas.  Así, neste trimestre hai obradoiros de educación sexual, celebración do Día Mundial dos Humidais, visitas guiadas ao Ribadeo antigo e tamén un proxecto innovador do que falaremos máis tarde e que xira arredor do cambio climático e da arte. A obra de Chévere forma parte desta programación para os centros de ensino porque a consideramos importante tanto desde o punto de vista artístico como desde a vertente social tomando a afundimento do Prestige e todo o bo e malo que xerou como unha metáfora do noso país. Está previsto que acudan 200 rapaces e rapazas do IES Ribadeo Dionisio Gamallo e do Colexio Sagrado Corazón e, a maiores, as persoas usuarias do centro de día que poidan desprazarse”.

Nevermore poderase ver ademais en función para o público xeral ese mesmo día 27 ás 20.30 horas no auditorio municipal Hernán Naval.  

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “as funcións teatrais para público adulto neste trimestre complétanse con obras co-financiadas pola AGADIC e que son O péndulo, de Inversa Teatro, e Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro. Son dúas compañías de renome con dúas obras que non nos van deixar indiferentes.  Recibiremos tamén a visita da compañía arxentina El Vacío Fértil, que chega coa obra De tiburones y otras rémoras. É unha compañía que nos deixou un bo sabor de boca no seu anterior paso por Ribadeo. E xa falando de compañías de teatro afeccionado, na vila, o grupo de teatro Ollomao, de Barreiros, presentará a súa agardada última montaxe, O Documento".

Otero Cabarcos contou que “vai ter moita presenza o xénero do monólogo nos vindeiros dous meses. E con dous dos mellores representantes do xénero en Galiza. Poderemos escoitar en Ribadeo a Carlos Blanco e a Cándido Pazó”.

Apego para as crianzas
A edil nacionalista manifestou que “para o público miúdo o proxecto Apego tráenos a Xanela do Maxín coa adaptación do libro A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza; Migallas Teatro con Os tres porquiños e, dentro dos eventos que celebran o Día Internacional da Muller, a compañía Trinke Trinke leva os ratiños de lonxe de todo á biblioteca municipal El Viejo Pancho coa obra O ratiño presumido. No noso ciclo Cultura nas Parroquias deste trimestre Cándido Pazó, a parte de actuar no noso auditorio, estará en Cedofeita, en Rinlo e en Santalla. El Vacío Fértil actuará en Remourelle, o grupo de teatro afeccionado Pico do Castro irá a Vilela e o mago Kiko Carrolo estará na escola de Ove xa este domingo pola tarde. A maiores temos que  lembrar que as veciñas e veciños que acoden á actividade Argadelo, arredor da música e o teatro, xúntanse todos os luns en Vilaselán e nas Anzas”.

Música
Pilar Otero indicou que “este sábado ás 20.00 horas actuará no auditorio Hernán Naval  o Coro da Ra, unha formación de 45 compoñentes que traballan varios estilos musicais e que en 2021 recibiron o Premio Martín Códax da Música de Galicia, na categoría de Coros e Grupos Vocais. Quen segue a nosa programación sabe do noso gusto por incluír artistas aínda non moi coñecidos mais que se distinguen pola calidade. Bitter Cans é unha desas propostas para este trimestre. Na música gústanos tocar todos os paus. É para nós unha satisfacción anunciar que, en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo o grupo Ars Combinatoria ofrecerá a Paixón segundo San Xoán, de Xoán Sebastian Bach. Será o vindeiro 25 de marzo. E dentro dos eventos que conmemoran o Día Internacional da Muller, a área de Igualdade ofrece un concerto moi especial, Vidas cantadas, a proposta dun dos grupos pioneiros do tradgalego: Leilía. Na música, contamos tamén con dúas propostas en aberto da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. Son as audicións do alumnado de vento e madeira e de percusión”.

Forte de San Damián
E engadiu: “unha outra proposta moi interesante e que vai ter un longo percorrido é a que se centra no forte de San Damián. Unha iniciativa feita en colaboración con Alberto Paraje, a quen desde aquí agradecemos a súa inestimábel axuda para pór en valor a historia desde espazo emblemático. Baixo o título de O primeiro Forte de San Damián. Ribadeo baixo a ameaza da armada holandesa presentamos un primeiro chanzo dun proxecto que, como diciamos, se alongará no tempo para celebrar o 400 aniversario do noso forte en 2024.No mes de febreiro, do 10 ao 28 poderemos ver unha exposición na oficina de Turismo. O mesmo día 10 haberá unha charla de Alberto Paraje e o sábado 11 poderemos asistir a unha visita guiada ao forte”.

Para concluír coa presentación da axenda cultural deste trimestre: “hai tamén espazo para a presentación de libros. Está prevista a presentación de Taramundi, mil versos, de Alberto Calvín, editado por Editorial Canela. E rematamos cun proxecto que será obxecto de presentación particular. Falamos de Píllara, unha idea arredor do cambio climático e da arte contemporánea. Trátase dunha proposta que comezamos antes da Semana Santa e que vincula tanto a público xeral como alumnado dos centros de ensino de Ribadeo con propostas audiovisuais, musicais e expositivas”.