A Concellaría de Igualdade, de Ribadeo, organiza unha viaxe ao Talaso Poniente, de Xixón, o 23 de abril. A inscrición estará aberta do 27 de marzo ao 5 abril.

A Concellaría de Igualdade organiza unha viaxe ao Talaso Poniente, de Xixón, o 23 de abril. A actividade, enmarcada no programa O teu tempo é para ti, está dirixida exclusivamente a mulleres adultas. A inscrición estará aberta do 27 de marzo ao 5 de abril. 

Desde a Concellaría de Igualdade de Ribadeo explican que “un ano máis, como ven sendo habitual, poñemos en marcha o programa O teu tempo é para ti, coa oferta dunha viaxe ao Talaso Poniente, de Xixón, dirixida exclusivamente a mulleres adultas”. 

E subliñan: “as viaxes constitúen un balón de oxíxeno para as persoas que están inmersas nunha voráxine de traballo e estrés; son unha válvula de escape que racha coa rutina diaria. Un viaxe turístico, de calquera tipo, neste caso a un balneario-talaso, coas súas novidades e sorpresas, pode producir efectos psicolóxicos insospeitados ou un cambio persoal positivo. Viaxar/moverte significa tamén descubrir novas parcelas dunha mesma. Á dobre xornada laboral e a veces triple, se lle sumamos os esforzos realizados polas mulleres por participar na vida social e cultural lévanos a un ritmo de vida estresante. As responsabilidades familiares (coidado dos fillos/as, dos maiores, de persoas dependentes…) fannos esquecer do coidado da nosa propia saúde física e psicolóxica”.

Na Concellaría de Igualdade sinalan que “por iso, organizamos ao longo do ano actividades de ocio exclusivamente dirixidas ás mulleres. Son medidas de intervención positiva para favorecer ese tempo propio na vida das mulleres. A talasoterapia é un método terapeútico natural e respectuoso co organismo humano, que consiste na utilización do medio mariño para relaxar corpo e mente. A acción do cambio térmico, o masaxe continuo provocado polo movemento da auga e o aire puro e saudable favorecen a absorción dos minerais por cada un dos poros do  corpo acadando así efectos beneficiosos para a saúde”.

A viaxe terá lugar o 23  de abril pola tarde, saíndo ás 14.30 horas de Ribadeo e regresando arredor das 21.00 horas. As persoas que queiran realizar esta viaxe  terán que sufragar a cota por utilización do Talaso Poniente, que ascende a 20 euros  e inscribirse previamente. O prazo para inscribirse comeza o 27 de marzo  e remata o 5 de abril. 

As mulleres interesadas en participar nesta actividade poderán anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico: cim@ribadeo.org ou chamando ao Centro de Información ás Mulleres 982 12 07 39.