A Concellaría de Mocidade de Ribadeo deseñou un amplo programa de actividades de Nadal, que inclúen cine, deportes e teatro.

A Concellaría de Mocidade deseñou un amplo programa de actividades de Nadal, que inclúen cine, deportes e teatro. 

O edil David Rivas explicou que “teremos o ciclo Cine no Nadal os días 26, 27, 28 e 29 de decembro ás 17:30 horas no Cine de Ribadeo e coas entradas ao prezo de dous euros. A rapazada de todas as idades poderá ver películas como Tadeo Jones-La tabla esmeralda, Reyes contra Santa, A todo tren 2,  Mundo extraño, Gato con botas: el último deseo ou Avatar: el sentido del agua”.

O concelleiro de Mocidade seguiu a relatar que “haberá actividades deportivas no pavillón da rúa Alfredo Deaño os días 27, 28, 29 e 30 de decembro de 11:30 a 13:30 horas para nenas e nenos a partir de 6 anos. Contaremos con tiro con arco, bádminton, inchable de escalada, multideporte e circuíto vial. E o 30 de decembro terá lugar unha festa lúdica de 16:30 a 19:00 horas para todos os públicos, con inchables, obradoiro de maquillaxe e discoteca con baile dirixido”. 

Rivas Pena contou que “en Ribadeo recibiremos a visita de Sarabela Teatro o 4 de xaneiro ás cinco e media da tarde, que chegan con Asamblea xeral, unha coprodución co Centro Dramático Galego. Pero antes temos unha cita importante, que será a XXXII San Silvestre. Lembramos que a inscrición estará aberta ara o 26 de decembro”.

O edil ribadense anima “á nosa rapazada a gozar das propostas que desde o Concello preparamos para todos eles, tanto no pavillón como na carpa do parque de San Francisco, onde arrincará o RibaXogo este venres, día 23”.