A Concellería de Servizos Sociais de Burela organiza unha viaxe a Noreña (Asturias) o 29 de abril para veciñ@s empadroad@s na localidade e maiores de 55 anos.

A Concellería de Servizos Sociais  organiza unha viaxe a Noreña (Asturias) para o vindeiro día 29 deste mes de abril. Esta actividade está dirixida a veciños/as empadroados/as en Burela de máis de 55 anos.

O prazo para inscribirse ábrese mañá, mércores, e os interesad@s deben anotarse no Concello en horario de 08:00 a 15:00 horas, agás mañá que ao estar en horario de Semana Santa é de 09:00 a 14:00 horas.

A viaxe e a comida son totalmente gratuítas, e a saída será desde a estación de autobuses de Burela ás 08:00 horas.

A edil Patricia Otero explicou que “ese sábado, 29 de abril, celébrase o mercado semanal en Noreña e os participantes aproveitarán tamén para coñecer o pobo ademais dos diversos atractivos, como por exemplo o monumento ao gochu”.

A concelleira de Servizos Sociais contou que “realizaremos esa viaxe a Noreña porque unha nutrida representación de veciños desa poboación así como dos seus representantes políticos, compartiron con nosoutros en Burela a celebración das festas patronais do pasado ano”.

Otero comentou que “Noreña é o máis pequeno dos concellos asturianos, ocupando unha extensión de 6´37 km2, compartindo esta característica co noso que é un dos de menor extensión de Galicia”.