Convocado en Burela o II Concurso Fotográfico Coidemos a terra. Os traballos poden presentarse ata o 19 de maio.

A Concellería de Medio Ambiente convoca a segunda edición do Concurso Fotográfico Coidemos a terra, que neste 2017 terá como temática As árbores de Burela. 

No concurso poderán participar todas as persoas que o desexen, residentes en Burela e que conten, no caso de ser preciso, con representante maior de idade. Haberá tres categorías, infantil para nen@s de ata 12 anos, xuvenil para rapaces de 12 a 17 anos (inclusive) e adulto (na que poderán participar todas as persoas que cumprisen 18 anos antes da convocatoria deste concurso). As fotografías deberán ser orixinais e inéditas e cada imaxe presentada deberá ter título. As bases do concurso recollen que cada persoa poderá enviar un máximo de dúas fotos en usb, en cd ou impresas en tamaño de 15 x 21. 

O prazo de inscrición, que xa está aberto, remata o 19 de maio ás doce da noite. Haberá un premio por cada categoría. O infantil estará dotado con 100 euros, o xuvenil con 150 e o adulto con 200 euros. Ademais recibirán a súa fotografía en lenzo. Desde a organización advirten que estes premios están suxeitos á retención do IRPF que establece a lexislación vixente. 

O fallo do xurado darase a coñecer o 23 de maio. E a entrega de premios será o 9 de xuño ás oito da tarde no salón de plenos do Concello. A participación no II Concurso Fotográfico Coidemos a terra supón a aceptación plena das súas bases, que se atopan dispoñibles na páxina web www.burela.org e na sede electrónica do Concello de Burela https://burela.sedelectronica.es  

A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, anima a participar neste concurso “e a deixar plasmada nunha imaxe as moitas árbores que se poden atopar no noso municipio”.