A décima edición do Festival Bal y Gay inundará de música A Mariña do 10 ao 24 de agosto con 13 concertos en 8 concellos.

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este venres na presentación da décima edición do Festival Bal y Gay. A cita, que un ano máis conta cunha achega da Deputación de Lugo por importe de 12.000€, se celebrará do 10 ao 24 de agosto en lugares emblemáticos da Mariña lucense. Así, serán escenarios da mellor música clásica o Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o Castelo de Castrodouro de Alfoz, o auditorio Hernán Naval de Ribadeo, o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, a Basílica de San Martiño de Foz, ou a Catedral de Mondoñedo.

Francisco Cajoto puxo en valor “a formación e a difusión musical deste evento único que ofrece concertos e experiencias artísticas nas que a música convive coa paisaxe e o patrimonio arquitectónico da provincia”, destacando que a cita enriquece a oferta cultural e dinamiza a economía da comarca, “proxectando os seus atractivos”. 

Así mesmo, o Deputado destacou que esta cita “enriquece a oferta cultural e, ao mesmo tempo, dinamiza a economía da comarca, proxectando os seus atractivos”. Por iso, a Deputación vén apoiando desde os seus inicios este proxecto que segundo explicou o deputado “encaixa perfectamente co modelo de turismo que impulsamos dende a Deputación, de calidade, sostible, de experiencias, que coida o noso patrimonio e que deixa valor no territorio en termos económicos e de emprego”.

O Deputado de Recursos Sostibles, que é tamén o Alcalde de Foz e Presidente da Mancomunidade da Mariña lembrou tamén que ambas institucións colaboran con este festival. Desde a Mancomunidade cunha achega de 2.500€ e desde o Concello ademais cunha importante colaboración na organización loxística da cita musical.

O programa da nova edición
O Programa deste Festival Bal y Gay 2023 comezará o xoves, 10 de agosto, ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cun concerto da Real Filharmonía de Galicia. O sábado 12 de agosto, ás 20.30 horas, terá lugar no Castelo de Castrodouro de Alfoz a actuación do cuarteto de saxofóns Kebyart. O domingo 13 de agosto, Rocío Pérez e Javier Carmena actuarán no auditorio Hernán Naval de Ribadeo ás 20.30 horas. O luns 14 de agosto, ás 21.00 horas, Sara Fernández interpretará á viola tres das suites de Bach no Mosteiro San Salvador de Lourenzá. María Joao Pires, un dos pratos fortes desta edición, actuará o 15 de agosto no auditorio Hernán Naval de Ribadeo en pases de mañá (12.30 horas) e tarde (20.30 horas). E tamén o Cuarteto Quiroga dará dous pases do seu concerto programado para o 16 de agosto na Basílica de San Martiño de Foz, o primeiro ás 18.00 horas e o segundo a partir das 20.30 horas. O trío Vibrart ofrecerá o seu concerto o vindeiro 18 de agosto no Pazo de Fontao de Foz ás 20.30 horas. 

A Casa da Cultura de San Cibrao acollerá ás 20.30 horas o concerto dos marimbistas Conrado Moya e KatarynaMycka. Opera Omnia fará as delicias de aqueles que se acheguen á igrexa de Santiago de Foz o día 20 de agosto a partir das 21.00 horas. Para o día 21 de agosto, ás 21.00 horas, o barítono KostantinKrimmel e o pianista Marcelo Amaral actuarán na Basílica da Asunción da Catedral de Mondoñedo. O Quinteto Zoar ofrecerá un concerto o 22 de agosto na igrexa de San Miguel de Reinante, en Barreiros, ás 20.30 horas. Finalmente, a Orquestra Sinfónica de Galicia pechará a programación do Bal y Gay 2023 o día 24 de agosto, ás 21.00 horas cun concerto na Basílica da Asunción da Catedral de Mondoñedo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe en Foz que o festival Bal y Gay “achega a música clásica a algúns dos espazos máis privilexiados da Mariña” co apoio do Goberno galego.

Arias participou na presentación da décima edición desta cita, que inclúe 13 concertos do 10 ao 24 de agosto en diferentes localizacións de oito concellos. Tamén estiveron, entre outras persoas, a directora do festival, Alba Rodríguez; e o presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades renova un ano máis a súa colaboración económica con esta iniciativa, dedicada á difusión da música clásica desde escenarios singulares.