Do 14 ao 16 de xullo celébrase en Burela a VI Festa Castrexa con diversas actividades.

Do 14 ao 16 de xullo celébrase en Burela a VI Festa Castrexa. Entre as diferentes actividades que figuran no programa hai un sorteo de 1000 euros en vales de compra entre aqueles que fagan as súas compras no Centro Comercial Aberto ata o xoves 13 de xullo. O sorteo terá lugar o sábado pola noite, durante a actuación da orquestra, e se o gañador non está presente o premio redúcese a 500 euros.

Dende o venres ao domingo celébrase o Mercado Castrexo nas rúas Pardo Bazán e Eijo Garay, das 11:00 ás 24:00 horas. Haberá obradoiros de artesáns e atraccións infantís.
O venres 14 a partir das 21:30 horas, terá lugar o desfile dos clans castrexos desde a rúa Camiño Real ata a praza do Concello. A participación é libre pero só optan a premio os clans que estean inscritos. Ao remate do desfile celebrarase unha cea de irmandade na praza do Concello entre todos os clans inscritos. Nesa madrugada do venres ao sábado, a 1:00 horas, terá lugar o rito das vodas castrexas.

O sábado 15, ás 11:30 horas na praia de O Portelo, haberá os xogos castrexos nos que poderán participar todos os clans inscritos previamente. Ás 14:30 horas na praza do Concello, a orquestra Venecia ofrecerá a sesión vermú. Tamén o sábado celebrarase a busca do Torques de ouro desde ás 18:00 horas na praza do Concello, e ás 23:30 horas na praza do Concello actuará de Alas Circo con acrobacias, malabares e lume.

O domingo 16, ás 20:00 horas na praza do Concello, terá lugar o espectáculo Vaia Circo.

Dentro da programación de Burela na Rúa, o venres actuará o Trío Refugallo ás 20:00 horas na praza do Concello, o sábado Don Gelati ás 19:00 horas na praza do Concello, e o domingo Kanbahiota Troup! ás 20:00 horas na praza do Concello.

Os locais de hostalería do Centro Comercial Aberto ofrecerán menús e tapas castrexas.

Mañá, 13 de xullo, ás 19 horas na Casa da Cultura terá lugar a inauguración da mostra de fotografías das pasadas edicións da festa castrexa, segundo deu a coñecer o edil José Díaz. 

O concelleiro de Cultura explicou que “tamén se inaugurará a exposición da réplica do Torques e dunha mostra de ourivería sobre xacementos arqueolóxicos de Lugo, tras o acordo acadado días atrás co Museo Provincia”. 

No acto participarán a deputada mariñá responsable da Área de Economía e Facenda, Mayra García, o presidente do CCA burelés, Rubén Pinín, o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Cultura, José Díaz.