Do 18 ao 20 de setembro desenvolverase unha edición especial da Xeoruta do Arcos, en Ribadeo. Será aproveitando unha das mareas máis grandes deste 2020.

O Concello de Ribadeo ofrece novas experiencias turísticas, que só se poden vivir unha vez ao ano. Iso correrá do 18 ao 20 de setembro cunha edición especial da Xeoruta dos Arcos, que se realizará aproveitando unha das mareas máis grandes deste 2020. As prazas para participar están practicamente esgotadas. O edil de Turismo, Pablo Vizoso, fai unha valoración moi positiva da acollida que tivo esta iniciativa, “xa que nun par de horas comprobamos que as máis de 60 prazas ofertadas estaban case cubertas”.

O edil ribadense dixo que “a costa de Ribadeo, conta cunha riqueza xeomorfolóxica salientable e excepcional, que fan deste espazo un referente xeolóxico tanto a nivel nacional como internacional. É un enclave natural dun alto valor ecolóxico, cunha elevada concentración de recursos naturais e paisaxísticos, cuxo máximo expoñente é a presenza do maior conxunto de arcos rochosos da Península Ibérica, os da praia de As Catedrais en Ribadeo”.

Vizoso Galdo lembrou que “baixo esta premisa naceron, aló polo ano 2015 no Concello de Ribadeo, as Xeorutas, tres itinerarios xeolóxicos cos que pretendemos mellorar os coñecementos dos visitantes sobre a orixe e as peculiaridades do noso litoral. Este ano, volvemos apostar as Xeorutas (dos Arcos, dos Pregues e dos Ollos). Nesta ocasión, ampliando a súa oferta con máis saídas ao longo do verán, debido á súa alta demanda detectada. Con elas puidemos redescubrir o nosos litoral con ollos dun xeólogo”.

O concelleiro de Turismo subliñou que “como novidade, e xa para rematar esta tempada, os días 18, 19 e 20 de setembro teremos unha edición especial da clásica Xeoruta que discorre pola praia das Catedrais, a dos Arcos, que se vai realizar aproveitando unhas das mareas máis grandes do ano. Polo tanto, nestas condicións poderase disfrutar dun paseo xeolóxico continuo percorrendo os diferentes areais que se atopan entre Catedrais e Xuncos, traxecto que discorrerá en todo momento pola area, e que nos mostrará tesouros pétreos ocultos que o resto do ano permanecen agochados polo mar”.

Pablo Vizoso engadiu que “aínda que con estas Xeorutas damos por concluído este atípico verán, Ribadeo segue a ser un lugar de referencia, ofrecendo durante todo o ano innumerables atractivos. Así, este territorio presenta grandes contrastes que ofrecen ao viaxeiro/a infinidade de espazos e sensacións diferentes, desde as costas crebadas do Cantábrico ata as tranquilas augas da ría, desde bucólicos vales do interior ata horizontes abertos da rasa, desde as aldeas tradicionais con hórreos e palleiros, ata a sofisticación cosmopolita das casas indianas. Mar e montaña, tradición e modernidade móstranse en harmonía ante os nosos ollos. Sempre hai un bo motivo para visitar Ribadeo”.