Do 21 de decembro ao 8 de xaneiro se estenderá a programación de Nadal do Concello de Viveiro.

O programa súmase aos concertos e obradoiros xa anunciados, así como ao Belén “Viveiro ante o Berce”

O Concello de Viveiro presenta a súa programación para estas festas de Nadal, ofrecendo opcións para todas as idades. Este programa súmase aos primeiros espectáculos xa anunciados para esta fin de semana, así como aos obradoiros propostos para a infancia. 

“Este ano decantámonos por un programa de pequeno formato, que nos permita manter a atención á evolución sanitaria pero sen perder a maxia e a ilusión que caracterizan estas datas”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura. 

A programación de Nadal comezará o próximo martes 21 de decembro, co concerto de Petit Band do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, e estenderase ata o próximo 8 de xaneiro. 

Está prevista a visita a Viveiro de Papá Noel o próximo 24 de decembro, día no que se realizarán tamén roteiros de Nadal no Vivertren e a actuación “Troula de Noite Boa”, con animación musical para a rapazada. 

Ademais, Viveiro recibirá os concertos de Carmen Díaz, Joni Ramos e Sundar Morning Club, ambos o día 25 de decembro. A Banda de Música Municipal de Landro actuará o día 30 mentres que o 31 de decembro, Viveiro acollerá a troula de fin de ano “Los Alcántara”. 

O día 2 de xaneiro será a quenda do concerto de Lara Rodríguez. O día 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán Viveiro nas súas carrozas. Neste día, tamén será posible realizar algún dos percorridos do Vivertren. 

A programación rematará o 8 de xaneiro co espectáculo Xampatitopato dirixido ao público familiar no Teatro Pastor Díaz. Contacontos, espectáculos de maxia e pasarrúas completan a programación destas festas.

"Quixemos contar con grupos e artistas locais, sobre todo despois dos meses máis duros da pandemia", engade Fernández-Noriega. 

Esta programación súmase ao recentemente inaugurado Belén “Viveiro ante o Berce”, considerado un dos máis importantes de Galicia e ubicado no atrio da igrexa de Santa María. 

“Agardamos que a cidadanía goce desta ampla programación, así como do noso tradicional Belén e do espléndido alumeado. De seguro, tamén atraerá numerosos visitantes para desfrutar do noso comercio e hostalaría en Nadal”, recalca María Loureiro, alcaldesa de Viveiro. 

Os espectáculos que se realicen na Praza Maior organizaranse baixo unha carpa. Como a todos os espectáculos, a entrada será de balde e as cadeiras dispoñibles ocuparanse ata completar aforo. 

Por último, dende o Concello de Viveiro incídese en que esta programación pode estar supeditada a cambios en función da situación sanitaria. Ampliarase información de cara aos días 24 de decembro e 5 de xaneiro sobre os detalles das visitas de Papá Noel e os Reis Magos á vila. 

O goberno local pide á cidadanía que respecte en todo momento as normas COVID-19, co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria nos espectáculos.