Do 5 ao 7 de xullo celébrase en Ribadeo a sexta feira Letras no Campo. Haberá música, teatro e obradoiros para nenxs.

Do 5 ao 7 de xullo celébrase a sexta feira ribadense do libro Letras no campo. Participarán un total de oito librerías e tamén estará presente o servizo de publicacións da Deputación de Lugo. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, salientou que, ademais das tradicionais presentacións de libros, haberá música, teatro e obradoiros para nen@s.

A edil dixo no acto de presentación que tivo lugar esta tarde na Biblioteca El Viejo Pancho: “quero comezar agradecendo o traballo feito aos técnicos de Cultura do Concello de Ribadeo, a todo o persoal que está implicado nesta organización e ao anterior concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e por suposto agradecer a colaboración das librerías participantes”.

Pilar Otero destacou que “buscando a variedade na oferta, tratamos de conxugar tanto librerías da zona como Librería Anticuaria Galgo, Portobello Market, Librería Vivín, Gráficas Santiago, Pícaros Mundi e Librería Bahía, como doutros lugares de Galicia e outros xeitos de traballar como por exemplo a autoedición. Así contamos coa presenza da Editorial Embora da Coruña, Cristina F. Q.-Criscrascrus de Santiago de Compostela ou o servizo de publicacións da Deputación de Lugo”. 

A concelleira de Cultura sinalou que “vai ter lugar este encontro coas letras este venres 5, sábado 6 e domingo 7. Son tres días de libros, pero non só libros xa que queremos transmitir unha visión global do libro como instrumento para abrir a mente, como ferramenta para fomentar o pensamento crítico ou para abrirse ao mundo e chegar a outros mundos. Por iso sempre procuramos traer xéneros diversos, por exemplo este ano contamos con novela negra como Beleza Vermella de Arantza Portabales, ensaio e divulgación tanto científica como non científica como o Diccionario da Comida Galega de Baixeras, etc…”.

Pilar Otero declarou que “se trata ademais de crear un ambiente festivo arredor da feira xa que, co cartel e co propio título, xogamos con esa imaxe e ese vínculo dos libros e o campo como lugar de encontro e distracción para os pícaros e os non tan pícaros, que segue manténdose ao longo dos anos. Por iso na programación poden verse o que chamamos divertimentos, que son momentos nos que combinamos libros con outras formas de ocio, por exemplo a través da música, da representación teatral dun fragmento dun libro de Ánxel Fole ou mesmo un obradoiro de cociña para nenos”.

A edil ribadense subliñou que “hai un coidado especial na programación para atraer ao público infantil porque nesta etapa é onde sentimos que hai que reforzar o fomento da lectura, xa que pretendemos xerar novos lectores que poidan seguir acudindo a esta feira de Letras do Campo nos vindeiros anos”.

Otero quixo “realzar a achega local coa presentación de autores ribadenses como Juan López Rico, Xavier Baixeras e Lorenzo Fernández Prieto, pero tamén comarcais como Paco Rivas e David Val de Foz, ou David Díaz e Diana Fernández, e mesmo a pregoeira deste ano, Olalla Cociña de Viveiro. Desexamos que todos se animen a participar nesta sexta feira ribadende Letras do Campo, e quero dar moitas grazas de novo a todas as librerías participantes”.