Do 7 ao 13 de maio 32 equipos disputarán en Viveiro, Burela e Cervo o Campionato de España de Baloncesto Junior Feminino.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde de Burela, Alfredo Llano García,o Concelleiro de Deportes de Viveiro, Emilio Villarmea Méndez, o Concelleiro de Deportes de Cervo, Luis Antonio Guillén Menéndez, o Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, e o Presidente do CB Estudiantes Lugo Leyma Natura, Suso Lázare Rincón, presentaron este xoves o XXXVII Campionato de España de Baloncesto Júnior Feminino.

O organismo provincial é o principal patrocinador do campionato, posto que realiza unha achega de 22.000 euros para a celebración desta cita nacional,que terá lugar nos Concellos de Viveiro, Burela e Cervodo 7 ao 13 de maiona que participarán 32 equipos femininos chegados de toda a xeografía española.Serán, polo tanto, 500 xogadoras nadas nos anos 1999 e 2000 as que reunirá o evento. A estas cifras hai que engadir decenas de federativos e responsables arbitrais e oficiais de mesa, así como unhas 1.200 persoas que se corresponden con familiares, acompañantes, persoal de axencia de representación deportiva ou afeccionados, o que suporá un retorno económico estimado para os tres concellos mariñáns de 1,5 millóns de euros.

Rivera Capón subliñou que “temos o pracer e a ilusión de albergar de novo unha cita deportiva de primeiro nivel, e tamén, o convencemento de que as preto de 2.000 persoas que participarán na competición, quedarán fascinadas coa riqueza paisaxística, cultural e gastronómica das tres vilas da Mariña lucense nas que terá lugar, así como coa hospitalidade das súas xentes”.

O responsable provincial de Deportes engadiu que “algunhas das rapazas que competirán na Mariña no mes de maio, chegarán a ser futuras profesionais ou integrantes da selección española de baloncesto, que nos últimos anos é sinónimo de éxito. Coa celebración deste campionato non só contribuímos a incentivar o turismo e o tecido produtivo da provincia, senón que tamén apostamos polo deporte como parte dun estilo de vida saudable, e concretamente polo deporte feminino, dentro do noso compromiso por conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Calendario
O Campionato de España terá lugar do 7 ao 13 do vindeiro mes de Maio de 2017. Dito Campionato estruturase mediante oito grupos de catro equipos cada un, participando, polo tanto, un total de 32 equipos de toda a xeografía española. A primeira fase de grupos é sen dúbida a máis complexa, polo requirimento dun mínimo de 3 pavillóns onde realizar 16 encontros que terán lugar cada día do 7 ao 9. Do 10 ao 13 terá lugar a Fase Final onde se disputarán o título os 16 mellores equipos de España desde os oitavos de final ata a gran final.

Repercusión mediática
Os 66 partidos que se disputarán durante a intensa semana retransmitiranse por streaming, polo que estarán dispoñibles en calquera parte do mundo. As redes sociais tamén serán unha forte ferramenta de difusión do evento, e tanto o Twitter oficial do Campionato, como o da Federación Española, Federación Galega, e os dos propios clubes (Estudiantes Lugo, CB Burela, CB Viveiro e CB San Ciprián), volcarán contidos e información dun xeito constante.