Do 7 ao 9 de setembro celebraranse no Valadouro as Festas do Oito, que organiza o Concello. Haberá verbenas, misas, procesións e maxia.

O Concello do Valadouro organiza as Festas do Oito que darán comezo o 7 de setembro cunha xornada que estará patrocinada por locais hostaleiros, comerciais e polo propio Concello. Ese día ás 14:30 horas haberá sesión vermú co grupo Café Olé; ás 16:30 horas parque infantil con Diverneno; e ás 22:30 horas celebrarase a verbena con Café Olé, Los Alcántara e discoteca móbil Decibelios.

O domingo, 8 de setembro, ás 12:30 horas terá lugar a misa solemne na honra de Santa María; ás 14:30 horas haberá sesión vermú amenizada polo grupo Fénix; ás 20:00 horas presentarase o espectáculo de maxia Maxia de catro a catro co mago Pedro Bugarín, no salón de actos da Casa da Cultura; e ás 22:30 horas haberá verbena co grupo Fénix e Nazaret.

Xa o luns, 9 de setembro, ás 11:00 horas terá lugar o pasacalles coa banda de música Ars Nova, dentro do programa Musiqueando pola provincia de Lugo da Deputación; ás 12:00 horas celebrarase a misa solemne e procesión polo casco histórico; e ás 14:30 horas haberá sesión vermú co grupo Tania Veiras.