Do 9 ao 25 de agosto poderase visitar en Ribadeo a exposición "De ida e volta", unha síntese do fotolibro "Espazos de ultramar", de Iván Torres.

O vindeiro sábado terá lugar a presentación do foto libro Espazos de ultramar, que recolle a testemuña visual das visitas do seu autor, Iván Torres, a catro edificios indianos. E como complemento estará aberta na Oficina de Turismo do 9 ao 25 de xullo a exposición De ida e volta, unha síntese das imaxes dese libro. O Concello quere render así homenaxe ao Ribadeo Indiano, que neste 2021 non se poderá celebrar por mor da actual situación sanitaria.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, explicou que “o foto libro Espazos de ultramar recolle a testemuña visual das visitas do documentalista Iván Torres Hernández a catro edificios da época indiana do concello de Ribadeo: son a Torre dos Moreno, o Círculo Habanero de A Devesa, o centro de formación CFEA Pedro Murias e a Casa de Don Inocencio. Escolléronse estes catro edificios tan singulares para darlle precisamente importancia á presenza da arquitectura indiana non só na vila de Ribadeo senón tamén naquelas parroquias onde ten maior presenza”.

O edil ribadense indicou que “este foto libro amosa a arquitectura resultante dun proceso de ida e volta pois os nosos indianos ao retornar aos seus lugares de orixe importan cánones arquitectónicos que estaban presentes en cidades tan cosmopolitas como a Habana ou Buenos Aires, e que estas á súa vez copiaran de cidades como París, Londres ou Barcelona, transformando principalmente a paisaxe urbana, pero tamén a rural de Ribadeo”.

Vizoso Galdo dixo que “nesta publicación Espazos de ultramar o autor decidiu seguir unha liña documental na que aparece rexistrada a realidade actual destes espazos históricos, representativa do seu pasado e do actual presente, incluíndo tamén imaxes da época atopadas no proceso. O autor toma un punto de vista documental, de plasmación da realidade, pero sen renunciar á edición. O presente e pasado destes espazos comparten unha narrativa común na medida en que ambos períodos poden verse ao mesmo tempo a través de varias capas: o que foi, nalgúns casos unha arquitectura case onírica, e o que é, produto normal do paso do tempo, e centrándose na beleza dos detalles nos que se apoia o autor”. 

O concelleiro de Turismo sinalou que “á súa vez, como complemento, poderemos disfrutar dunha exposición denominada De ida e volta, na que se recolle unha síntese das imaxes do propio libro”.

Pablo Vizoso engadiu: “convidámosvos a asistir a este evento, que terá lugar o sábado 10 de xullo ás 19:30 horas na oficina de turismo de Ribadeo. Con este acto queremos ter un agarimoso guiño co noso benquerido Ribadeo Indiano pois, como xa se anunciou e é sabido, lamentablemente este ano non se pode celebrar debido á situación sanitaria na que nos atopamos”.

O concelleiro de Turismo e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, presentaron este mediodía ambas citas culturais diante da Oficina de Turismo.