Durante todo o mes de xullo pódese visitar no Castelo de Castrodouro, en Alfoz, a exposición "Xurucido e Marquesado", de Xosé Blanco.

A exposición de acrílicos ‘Xurucido e Marquesado: Os zoqueiros de Valadouro’de Xosé Blanco, poderá visitarse na primeira planta do Castelo do Castrodouro durante todo o mes de xullo.

A mostra, composta por 15 obras, amosa unha recreación e interpretación do proceso e das ferramentas empregadas para a elaboración das zocas polos zoqueiros Eliseo Expósito “Marquesado”, natural de Recaré e o seu compadre e amigo Xosé Blanco Ares “Xurucido”, de San Tomé, avó do autor.

Sobre a obra
O autor, veciño da parroquia de Adelán de Alfoz, é fillo e neto de zoqueiros e explica o sentido da súa exposición nas seguintes liñas: 

En verbas do etnógrafo e escritor ourensán Xaquín Lourenzo “Xocas” o oficio de zoqueiro é un “Oficio moi sinxelo, que non precisa ferramenta, case todos os campesiños foron zoqueiros e adicaban os finais do verán a facer os “paus” precisos para o seu calzado e o da súa familia”. Era un oficio de tempada, que se compaxinaba con outras tarefas do fogar, agrícolas ou gandeiras. Os zoqueiros facían as zocas, calzado habitual entre as xentes dun país húmido e aberto ás choivas e neves das longas invernías. Adoitaban traballar nos seus obradoiros pero ao remate do outono podían ser ambulantes e zoquear polas casas facendo os encargos que lles pedían.

Antes, ademáis das conversas entre os veciños que se levaban a cabo no adro da parroquia ao rematar a misa, tamén se facían as tertulias nas barberías, nos obradoiros dos ferreiros, ou dos zoqueiros… Estes lugares servían de centro de reunión onde se debatía entre os veciños os temas máis diversos. 

Na primeira metade do século pasado, había obradoiros en todas as parroquias do Valadouro. En San Tomé, estaba o dos zoqueiros Xurucido e Marquesado, a comezos dos anos 30, onde facían unhas zocas tan ben feitas que seica acaían coma zapatos… foi o calzado que levaron algúns emigrantes do val ás Américas. 

Alí, naquel obradoiro, no medio das zocas, dos tronzóns para cortar os bidueiros e facer as toradas, os machados, as llergas, os trades, goivas, bastréns e demais ferramentas, Xurucido e Marquesado, eran tamén músicos e tocaban tódolos días cos seus acordeóns as pezas que, nos días de festa, interpretaban nos salóns de baile. 
Fíxose zoca chinela
a gracia da bidueira
E vai marcando na acera
os puntos da muiñeira!

Alí, aproveitando os días de choiva, xuntabanse os homes do lugar a parrafear e informarse do que pasaba polo mundo adiante, lendo as novas que traía “El PuebloGallego”, o xornal ao que estaban subscritos os dous zoqueiros. Nas longas noites de inverno, ao resplandor do lume e ao redor da lareira, limpaban as zocas colocándoas contra o prato ou “barrigueira” para darlles o remate definitivo co bastrén ou co rebocador e os sábados ían vendelas ao “mercado das zocas” en Ferreira. Así era este nobre oficio que cumpría tamén unha función social e servía de fonte de información moito máis veraz que outros medios de desinformación máis modernos que nos pintan o mundo ao revés.

Eliseo Expósito “Marquesado”, era natural de Recaré e o seu compadre e amigo Xosé Blanco Ares “Xurucido”, de San Tomé…o meu avó.

Sobre o autor
A Estivada (O Valadouro), agosto de 1955. 
Os meus primeiros garabatos fíxenos, penso eu, sendo un neno, nas libretas, cadernos e pizarras da escola de Dna. Mercedes en San Tomé, ou nas paredes da miña casa, nas do muíño… A miña querencia por debuxar, naceu e medrou en min dun xeito natural e inconscente… Os primeiros estudos artísticos que fixen, foron por correspondencia, aos 13 ou 14 anos, nunha academia de Barcelona (CEAC). Aos 17 anos, matriculeime na Escola de Artes Aplicadas PabloPicasso da Coruña, e ao rematar estes estudos (1977), participei nas Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre de Sargadelos. Desde o ano 1979 ao 2016, traballei e formei parte do seu “Gabinete de Deseño”. Foi a cerámica de Sargadelos a miña principal actividade durante eses anos. Paralelamente, participei en exposicións colectivas e individuais dentro e fóra de Galicia, expoñendo os meus traballos de debuxo, pintura, gravado, cartelismo, deseño gráfico, etc. As miñas temáticas preferidas son as recreacións e interpretacións en imaxes da poesía, da natureza, dos contos populares… da memoria e das lembranzas que levamos dentro de nós todos os seres humáns.