En Burela celébrase o 9 de novembro a IV Festa da Castaña que organiza o Concello coa colaboración dos Asadores, Ledicia, Arume e a Acia Local.

Este venres, 9 de novembro, celébrase en Burela a cuarta edición da Festa da Castaña a partir das sete da tarde na praza da Mariña. Haberá castañas, bolos preñados, contacontos e sorteo de agasallos. En caso de mal tempo trasladarase á praza de abastos. Colaboran co Concello na organización deste evento a asociación de Asadores de Burela, Ledicia, Arume e a Acia local.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, anunciou que “este fin de semana en Burela imos facer a Festa da Castaña. Vai ser a cuarta edición xa, empezamos en 2015. A verdade é que neste tres anos a resposta da xente foi boa con actividades ademais de bailes tradicionais a cargo de asociacións do pobo”.

O edil burelés dixo que “este ano repetimos co mesmo formato, coa axuda da asociación de Asadores de Burela, que serán os encargados de preparar as castañas asadas, tamén a colaboración de Ledicia, un ano máis, e de Arume. Estas dúas asociacións ambientarán a praza con bailes e música tradicional. Ademais contamos coa colaboración de ACIA, a asociación local de comerciantes, que aporta vales de compra para sortear entre os que compren o cucurucho de castañas e o bolo preñado ao prezo de 2 euros. Terán un número e o sorteo de vales para o comercio local será aproximadamente ás nove da noite. As castañas repartiranse a partir das sete, e teremos ás oito ao contacontos Caxoto con contos relacionados co magosto. A ver como está o tempo, se non estivera ben o reparto de castañas faríase no baixo da praza de abastos para que a xente se refuxie do mal tempo, e facer alí o contacontos e o sorteo final de agasallos”.

Díaz invita “a toda a xente a que se achegue a Burela para celebrar este evento que empezamos a facer un pouco en homenaxe ao que representou este alimento da castaña, sobre todo aquí en Galicia en anos complicados, ademais en moitas aldeas e pobos pequenos era un alimento principal en esta época invernal, servía de sustento a familias e aos animais de casa, foi un alimento accesible que sacou de problemas a moitas familias. Agora xa non é un alimento necesario a ese nivel, pero está ben recordalo neste aspecto”.