En Burela quedan suspendidas todas as actividades organizadas polo Concello. Este venres, 13 de marzo, haberá mercado semanal.

En Burela quedan suspendidas todas as actividades organizadas polo Concello, entre as que se atopan as culturais, as destinadas ás persoas maiores e aos estranxeiros, entre outras. Tampouco haberá escolas deportivas e nas vindeiras horas decidirase si se pecha a biblioteca municipal. Polo momento mantense o mercado semanal previsto para mañá. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha chamada á tranquilidade e á responsabilidade da poboación. 

O rexedor dixo que “o Concello de Burela, como é normal, tamén está sensible a todo isto do virus que está afectando dunha maneira preocupante e simultaneamente en moitos lugares. As medidas que se están adoptando son aquelas que considero que se deben tomar de forma consensuada e coordinada, a través da Xunta e de organismos que realmente sexan capaces de abarcar todo o territorio, ese é o mellor método para facer as cousas”. 

Para Llano “hai que entender que é necesario frear e parar, na medida do posible, a expansión desta enfermidade. Nese aspecto hai que procurar todos poñer o que se poida da nosa man. A institucións deben estar para velar pola seguridade global de todos os habitantes tanto do concello como da comarca. E por tanto temos que estar aí, ser responsables e tomar as medidas máis acertadas para frear que se siga estendendo de forma indiscriminada esta enfermidade”.

O alcalde subliñou que “en Burela todas as actividades que tíñamos para esta fin de semana, como unha obra de teatro e as competicións deportivas, quedan anuladas. Hoxe anunciaron xa que a partir do luns van cerrar os colexios e os institutos, por tanto evidentemente todo aquilo que repercuta en concentrar nen@s nalgún sitio, como poden ser as escolas deportivas, tamén o anulamos. Aquelas actividades que tíñamos pensadas para as persoas maiores sobre todo, como cursos ou outras, tamén quedan suspendidas”.

Llano contou que “mañá vamos decidir se pechamos ou non a biblioteca municipal. Creo que moitas das bibliotecas xestionadas pola Xunta xa están cerradas. Hai concellos, como o de Baiona e outros, que xa están avanzando neste tema e están cerrando. Por un lado é difícil tomar esa decisión, pero tamén hai que entender que se se está facendo dunha forma consensuada tamén debemos facer aquí o mesmo”.

O rexedor burelés explicou que Hoxe preguntábanmos se en Burela imos ter o mercado do venres. Eu entendo que en principio si, que non debemos cerrar os mercados como tampouco os supermercados nin nada diso, senón que debemos preocuparnos de que a xente teña facilidade para abastecerse, para mercar alimentación e aqueles outros produtos necesarios. Non podemos parar a actividade económica, polo menos de momento. Por tanto imos manter o mercado mañá porque é unha actividade que se fai ao aire libre e que non ten grandes concentracións en puntos concretos, aparte de facer unha función extraordinaria en alimentación e nos servizos que presta. Por iso non vamos anulalo, en principio”.

A Concellería de Inmigración e Cooperación tamén suspendeu todas as actividades que estaba a impartir para os inmigrantes e anulou un curso previsto para finais do presente mes de marzo. 

Alfredo Llano pensa que “isto é tamén un proba colectiva para ver como responde a xente ante unha problemática común, como é esta do coronavirus. Entón estamos cunha cuestión experimental e debemos preocuparnos todos de facilitar o labor para que non se estenda a enfermidade. Tomar medidas conscientes e responsables para que non nos afecte. Hai que evitar o medo extraordinario e o pánico porque non ten por que habelo pois facendo ben as cousas, dunha forma consensuada, ben dirixida e con todo o mundo consciente do que está ocorrendo debemos procurar poñer o noso grao de area para que todo funcione dunha maneira normalizada. Iremos avisando e tomando as medidas que sexan necesarias. E tamén tratar de que a vida nas familias e nos individuos sexa o máis normal posible. E desde logo evitar medos e as repercusións que teñen os pánicos”.

O alcalde de Burela espera que “os abastecementos de todo tipo e os traballos se poidan facer dunha maneira normal e que no único que repercuta sexa nas actividades e naquelo que dalgunha forma estea demostrado que facilita a expansión da enfermidade. Polo tanto estaremos aí para tratar de evitalo. Se hai algunha novidade iremos dicíndoo, pero é bo que entre todos dunha forma coordinada esteamos empuxando na mesma dirección para evitar males maiores”.

Tamén está pechado o barco museo Reina del Carmen.