En Ribadeo a Concellaría de Turismo organiza 11 percorridos guiados a través do patrimonio natural e cultural durante este verán.

A Concellaría de Turismo organiza 11 percorridos guiados a través do patrimonio natural e cultural durante este verán. A programación foi presentada polo edil Pablo Vizoso. 

O concelleiro ribadense explicou que “desde Área de Turismo do Concello de Ribadeo organízanse 11 percorridos guiados a través dos que se poderá descubrir o seu importante patrimonio natural e cultural. Trátase dunha serie de rutas accesibles, para todos os públicos, nas que se mostrarán aspectos moi diversos tanto dende o punto de vista natural como cultural”.

Vizoso Galdo subliñou que “este ano temos unha novidade, xa que se incorpora unha nova visita teatralizada polo legado indiano, coa que daremos a coñecer a historia viva da pegada da emigración a ultramar.Continúan as outras 2 visitas teatralizadas que o ano pasado tiveron tanto éxito: a visita teatralizada polo Ribadeo Ilustrado, da man do grupo de teatro Os Quinquilláns, todos os xoves de xullo e agosto ás 20.30 horas con saída desde diante do Concello. E a visita teatralizada ao Camiño do Encanto. Con esta percorremos algúns dos atractivos máis singulares do interior de Ribadeo: Pazo de Cedofeita, Pegadas do Encanto e Santuario de Nosa Señora das Virtudes con relatos teatralizados que permitirán afondar nos valores e historia do patrimonio interior de Ribadeo. O desprazamento será en bus e as datas establecidas son os domingos 24 de xullo, 7 e 21 de agosto. Partirase da oficina de turismo de Ribadeo ás 10.30 da mañá e terá unha duración de dúas horas e media”. 

O edil de Turismo explicou que “ademais, a través de 4 roteiros guiados e interpretados, poderase gozar do fascinante patrimonio cultural e etnográfico que está presente en cada recuncho da vila e tamén na zona interior do noso concello. Así teremos visitas ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes, ao Ribadeo Indiano, ao Ribadeo Ilustrado e ao Ribadeo Antigo”. 

Pablo Vizoso indicou que “cambiando de ámbito e dende o punto de vista natural darase unha ampla visión do importante patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral, que vai dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ata a maior estrutura xeolóxica da mariña lucense. Así, organizaranse 4 Xeorutas: a dos Arcos, a da Ría, a dos Pregues e dos Ollos”. 

E engadiu que “todas as visitas serán de balde, pero as prazas son limitadas. Para formalizar a reserva as persoas interesadas deben entrar na sección Momentos da páxina web: turismo.ribadeo.gal ou chamar ao teléfono da Oficina de Turismo de Ribadeo 982 128 689”.