En Ribadeo terá lugar o ciclo Soa Forte os días 18, 19, 25 e 26 de setembro. Será no Forte de San Damián.

A Concellaría de Cultura organiza un ciclo musical que se celebrará no Forte de San Damián, se o tempo o permite, os días 18, 19, 25 e 26 de setembro. Soa Forte ofrecerá varias actuacións musicais de diversos estilos desde a tradición das cantareiras ata o hip hop.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, declarou que “temos dito varias veces, ao longo destes meses, que a cultura non pode parar e que quedou demostrado no tempo de confinamento o importante papel que pode ter nas nosas vidas a actividade cultural. Por iso desde o Concello de Ribadeo continuamos a apostar pola arte e pola vida cultural, aproveitando todos os espazos que temos e poñendo en valor o noso patrimonio tamén en territorios rurais”. 

A edil nacionalista dixo que “neste caso nun dos lugares emblemáticos de Ribadeo, nunha construción defensiva, que agora retoma o seu uso cultural para ás persoas que veñan desfrutar do Soa Forte. Así pois rematamos o verán programando un pequeno ciclo de eventos culturais que se levarán a cabo no Forte de San Damián, se o tempo o permite”.

Otero subliñou que “se trata de facer soar forte e dar voz a propostas artísticas alternativas co nexo común da importancia da palabra tratada por diferentes estilos musicais. Cantautores, rapeiros, cantareiras e cantareiros reelaboradores da tradición que serven de último reduto da fortaleza dos valores que transmite a cultura sen afectación”.

A edil ribadense agradeceu “o deseño e colaboración da produtora artística Mialma Producióis, que nos axudou a levar a cabo esta serie de eventos de formato reducido e o apoio de todas as persoas implicadas”.

Pilar Otero lembrou que “os eventos culturais están a ser dos actos sociais máis seguros. Tomamos todas as medidas precisas para desenvolver este tipo de actos con seguridade, seguindo todos os protocolos sanitarios no referente ao Covid-19, e apelamos ao comportamento responsable das persoas que asisten a eles, como xa ven sendo habitual”.

A concelleira de Cultura anunciou que “os concertos terán lugar ás sete da tarde no Forte de San Damián, se o tempo o permite, xa que en caso de choiva os eventos serán trasladados ao Cine Teatro. As propostas elixidas para esta edición 2020 son: o 18 de setembro a Pequena Compañía Nenos Enormes presenta un espectáculo que combina teatro, ironía e humor; o sábado 19 Kiko Poe achéganos ao hip hop; o venres 25 temos a sorte de ter entre nós ao cantautor Paco Cifuentes e a colaboración de Ugía Pedreira; e o sábado 26 Paraíso Canto, un dúo que traballa entre outras cousas na reelaboración da música tradicional. Espero que o desfrutemos todos e que poidamos seguir facendo estes pequenos actos culturais”.