Este domingo, 22 de outubro, preséntase en Mondoñedo o libro de actas das XVI Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño

A asociación Abrindo Camiño convida a todas as persoas interesadas a asistir ao acto de presentación do libro de actas das ‘Extra XVI Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño. Homenaxe a Andrea López Chao’, que tiveron lugar o pasado verán en Mondoñedo e Vilalba. Será este domingo, 22 de outubro de 2023, a partir das 11:00 horas no auditorio Pascual Veiga, de Mondoñedo.

Abrindo Camiño anuncia que ás 11:00 horas terá lugar o acto de presentación das actas que, ademais de ser impresas en papel, terán unha versión dixital para facilitar a súa difusión a calquera parte de mundo. Contan co patrocinio da área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ademais haberá concerto didáctico homenaxe a Andrea López Chao, de Troupelear, con Branca Villares e Pablo Pintor; proxección do teaser do documental ‘Andrea López Chao. O poder de educar’, a cargo da súa directora, Violeta Ramos Valdés, xornalista e cineasta galego-cubana. Ás 12:30 horas farase un percorrido simbólico por Mondoñedo pasando pola casa natal de Andrea López Chao e que rematará no Parque da Lembranza, no Cemiterio Vello. E ás 13:00 horas, ofrenda floral e lectura do manifesto homenaxe ás e aos emigrantes e países de acollida, e conmemoración do centenario da publicación Do Noso Lar, editada en Bos Aires pola Sociedade Mondoñedo y Distritos en 1923.

Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto e a organización convida aos mindonienses e cidadanía en xeral a participar nestes actos para homenaxear a Andrea López Chao. Entregarase aos asistentes un exemplar do monográfico 'Mondoñedo na Memoria', dedicado a Andrea López Chao e patrocinado polo Concello de Mondoñedo.

Andrea López Chao naceu en Mondoñedo o 12 de febreiro de 1874. Realiza estudos primarios en Mondoñedo e os de maxisterio na Escola Normal da Coruña. Comeza a exercer como mestra en Paradavella (A Fonsagrada) en 1897, e nos seguintes anos sucesivamente nas escolas de Lindín, Couboeira e Viloalle, as tres no concello de Mondoñedo. A partir de 1904 exerceu case medio século como destacada profesora e varias veces directora do Plantel Concepción Arenal do Centro Gallego da Habana. Como activista social e defensora dos dereitos sanitarios e sociais das mulleres galegas en Cuba participou na fundación de Hijas de Galicia en 1917, sociedade da que foi a primeira muller vicepresidenta. Obtén a carta de naturalización (nacionalidade) cubana o 11 agosto de 1936 e falece na Habana o 19 de xuño de 1954.