A exposición "Eu quero ser coma..." estará aberta na Escola de Música de Ribadeo do 3 ao 7 de febreiro. Trátase de retratos de mulleres relevantes.

A Concellaría de Igualdade organiza unha exposición de mulleres relevantes da historia, titulada Eu quero ser coma… A mostra conta coa colaboración da Escola Municipal de Música e Danza e o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

Esta exposición de retratos presenta mulleres que sobresaíron en diferentes campos, como a música, a ciencia ou o deporte, entre outros. As obras foron pintadas polo alumnado de 3º e 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, de educación plástica, visual e audiovisual.

Algúns dos rostros femininos que podemos atopar son os de Gloria Fuertes, Edurne Pasabán, Patti Smith, Violeta Parra, e outros da vila ribadense como Ana María Ferradás, Manuela Barreiro (nacida en Viveiro e criada en Ribadeo) e Meniñas da Saúdade.

A mostra estará exposta ao público na Escola de Música desde o vindeiro luns, día 3, ao venres, 7 de febreiro. O horario de visita será de 9 a 12 horas e de 16 a 20 horas.

Esta actividade forma parte do proxecto titulado Eu quero ser coma…, a través do cal a Concellaría de Igualdade de Ribadeo está presentando 38 persoeiros nos dous colexios da localidade. Esta delegación continuará a vindeira semana con outros eventos na Escola de Música, enmarcados neste proxecto.