A Feira do Libro de Mondoñedo será do 24 ao 26 de xullo e contará cunha programación que achega as novidades editoriais nun contexto de ocio para maiores e pequenos.

O Goberno local agradeceu hoxe que o calendario de Feiras do Libro de Galicia incorpore este ano á cidade de Mondoñedo, que acollerá a celebración da súa Feira do Libro a vindeira semana, en concreto, os días 24, 25 e 26 de xullo, durante os que se desenvolverá un programa de actividades a través do que se acerca a lectura á cidadanía, ao tempo que se presentarán novidades editoriais dentro dun contexto de ocio con actividades para os maiores e os máis pequenos.

A voceira do Goberno local, Ángeles Rodríguez, participou esta mañá no acto de presentación deste encontro feiral que chega a Mondoñedo o luns, martes e mércores e que, segundo explicou, “os autores, creadores, libreiros e amantes da lectura terán como punto de encontro un dos enclaves máis prezados da nosa localidade, a rúa da Fonte, onde se localiza a nosa Fonte Vella, da que tanto escribiu un dos nosos escritores, Álvaro Cunqueiro Mora”.

“Álvaro Cunqueiro xunto a outros grandes poetas e escritores que naceron nesta cidade e percorreron estas rúas colocan a Mondoñedo nun lugar destacado dentro do patrimonio cultural e literario galego e nacional”, precisou a voceira, quen tivo palabras de eloxio para o potencial literario que “sempre inundou a nosa localidade”.

Desde o Goberno local destacan a importancia destas feiras como espazos para a lectura, a cultura e a educación. “Trátanse de iniciativas que permiten espertar o interese pola lectura ademais de que se converten en escaparates que axudan a dar a coñecer as novas ofertas do mundo editorial”.

Programa de actividades
Durante a presentación do encontro, celebrado esta mañá coa intervención, entre outros, da coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia, Nani Regueira, e da xefa da Área de Cultura da Delegación Territorial da Xunta de Lugo, María José Gómez Rodríguez; a responsable municipal desexou que a Feira do Libro de Mondoñedo “teña o maior dos éxitos e animou aos cidadáns a ler e a comprar libros, xa que dende as institucións debemos favorecer a aproximación ao mundo do libro e a dinamización da lectura”.

Neste eido, o programa de actividades que se desenvolverá os próximos días 24, 25 e 26 de xullo acerca a cidadanía ás novidades editoriais no marco dun contexto de ocio no que os maiores e pequenos poderán atopar actividades e lecturas do seu interese.
A inauguración da Feira do Libro de Mondoñedo, que se celebrará na Rúa da Fonte, terá lugar o luns 24, ás 19:00 horas, da man do escritor e cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa; coa ambientación musical a cargo da Escola de Música da localidade.  O mesmo día ás 20:00 horas, desenvolverase a mesa Falando de Libros... con Antonio Reigosa e Felipe Galán, autor do El último secreto de Verne e como moderador estará Carlos G. Fernández, escritor e xornalista.

Xa o martes, o programa inclúe a presentación de Orillas de Ébano de AidaSoilán por Editorial La Plana ás 13:00 horas; ademais da celebración do obradoiro infantil  Xogando coa historia, pola Nube Teatro ás 18.30 horas. unha hora despois (ás 19:30) dará comezo o Club de lectura de Mondoñedo, coordinado por Rubén Souto Gómez. Ás 20:30 horas, celebrarase de novo unha mesa de debate neste caso sobre Autoedición coa participación de Pablo Piñeiro (De tu corazón a mi libro) e Rocío López (Olvídate del cielo). 

O mércores pola mañá (12:30 horas) tamén haberá un obradoiro de ilustración baixo o nome de Imaxinando sobre papel con Noemí López e xa pola tarde, as 18:30 horas, o espectáculo musical O Mundo de Carliños a cargo de Luís Vallecillo, baseado en Carlos Casares. Para pechar o día, presentarase o libro Celebración de Mondoñedo do escritor Antonio Reigosa publicado por EdicionesEmbora e O tabú na traslenda de Isidro Novo por Urco Editora.

Por último, en canto ao horario da feira, esta desenvolverase en horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas e de tarde entre as 17:30 e as 21:30 horas. O día 24, a feira abrirá pola tarde ata as 22:00 horas.