As festas patronais de Burela desenvolveranse do 25 de maio ao 5 de xuño. Neste 2018 conmemórase o 25 aniversario da alfombra floral.

As festas patronais de Burela dan comezo este venres, 25 de maio, coa Baixada da Vila do Medio. Ás 21:00 horas celebrarase, na igrexa da Vila do Medio, a misa na honra da Virxe do Carme, e ao remate terá lugar a baixada da imaxe en procesión ata a igrexa parroquial.

O sábado, día 26, terá lugar o pregón a cargo da asociación de xubilados do mar A Moncloa, e ás 21:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura, actuará en concerto Rosa Cedrón. O domingo 27 será o Día da Infancia e ao longo da tarde haberá festa infantil e xuvenil con hinchables. Ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, presentarase o vídeo conmemorativo do 25 aniversario da alfombra floral.

O mércores 30 e o xoves 31, celebrarase o gran karaoke na Casa da Cultura. O día 30, ás 20:30 horas, nas categorías infantil e xuvenil, e o día 31, ás 21:00 horas, na categoría senior.

O 1 de xuño procederase a apertura do recinto das festas instalado na explanada portuaria ata o día 4, e ás 23:00 horas haberá verbena coas orquestras La Fórmula e Marbella.

O 2 de xuño terá lugar a confección da espectacular  alfombra floral de Burela que este ano celebra o seu 25 aniversario. Haberá sesión vermú ás 14:00 horas, ás 21:00 horas misa e procesión de baixada ao porto, fogos de artificio e verbena ás 23:00 horas coas orquestras La Favorita e D´Moda.

O 3 de xuño ás 12:00 horas comezará a misa cantada no altar instalado no porto e, ao remate, a procesión marítima. Ás 14:00 horas haberá sesión vermú con Palladium e El Combo Dominicano, e verbena ás 22:30 horas.

O 4 de xuño ás 12:00 horas, terá lugar a procesión da subida das imaxes dende o porto ata a igrexa parroquial. Ás 14:00 horas será a sesión vermú coas orquestras Pontevedra e Panorama, e ás 22:30 horas a verbena.

O 5 de xuño ás 12:00 horas no porto celebrarase a cerimonia da ofrenda floral á virxe, unha homenaxe ás persoas que levou o mar.

A comisión de festas informou que o recinto contará de novo con baños móbiles e volve a Burela a noria xigante, que estará situada nesta ocasión na zona portuaria.