As fins de semana de xuño, do 16 ao 30, terán lugar as xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía da Mariña lucense.

Con motivo da edición da nova guía sobre as Rutas de Artesanía que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentará este venres, día 14, no Cenima, organízanse unhas xornadas de portas abertas que comezan o próximo domingo, 16 de xuño, en Cervo e continuarán nas seguintes fins de semana de xuño en Mondoñedo, A Pontenova, Viveiro e Burela. Estas accións realízanse no marco do convenio firmado coa Axencia de Turismo de Galicia.

No novo material informativo, que estará dispoñible na páxina web e nas oficinas de turismo da comarca a partir do día da presentación, proponse ao visitante coñecer a riqueza patrimonial, natural e gastronómica a través da proximidade e sabedoría dos artesáns da Mariña Lucense, principais protagonistas desta iniciativa.

A nova proposta consta dunha serie de itinerarios nos que o visitante poderá adentrarse no oficio do artesán e disfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde se ubican e da súa contorna próxima. Así, os visitantes poderán realizar as Rutas de Artesanía de forma autónoma guiándose pola recomendacións facilitadas na nova guía ou solicitar o servizo con guía a algunha axencia, como é o caso de Mariña Activa, que se encargou da man da Mancomunidade do desenvolvemento desta nova proposta. 

As Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense teñen por finalidade dar a coñecer con actividades gratuítas para o público xeral esta iniciativa na que a Mancomunidade leva traballando dende hai meses. As xornadas comezarán o próximo domingo, día 16, en Cervo e desenvolveranse o sábado e domingo das dúas seguintes fins de semana en Mondoñedo, A Pontenova, Viveiro e Burela. En Cervo, A Pontenova e Burela serán pola mañá e no caso de Mondoñedo e Viveiro estenderanse tamén a pola tarde ao contar cun obradoiro mais. As actividades serán gratuítas e incluirán a visita a un ou dous obradoiros e unha actividade complementaria. A iniciativa, que busca ofrecer un motivo interesante polo que desplazarse ao territorio antes da tempada alta, está dirixida tanto a locais que desexen coñecer mais sobre os recursos da zona como a visitantes que queiran vivir unha xornada diferente da man dos artesáns da Mariña Lucense.

Este domingo, 16 de xuño, dará comezo esta iniciativa cunha visita ao asteleiro de carpintería de ribeira – recentemenente declarada BIC – e ao Museo do Mar. O 22 deste mes será o turno de Mondoñedo co alfar, unha visita guiada ao centro histórico da cidade e ao canteiro pola tarde. O domingo 23 tocaralle á Pontenova coa visita ao taller dun ferreiro, á antiga estación de tren, que hoxe en día acolle a Aula de Interpretación da Pesca, e ao fornos de Vilaoudriz. O sábado 29 seguirán estas xornadas de portas abertas en Viveiro coa visita a dous ceramistas –un pola mañá e outro pola tarde-  e unha visita guiada ao centro histórico. Viveiro pasará o testigo a Burela, que cerrará as xornadas o 30 de xuño cunha visita ás redeiras e ao barco museo boniteiro Reina del Carmen.

Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 654 089 894. O aforo máximo é de 15 persoas por xornada.

A continuación indícanse as datas cos horarios aproximados:
Cervo 16-06
Asteleiro 10:30 – 11:30
Visita Museo do Mar 12:00 – 13:00 aprox.

Mondoñedo 22-06
Alfar 10:30 – 11:30
Visita centro histórico 12:00 – 13:30-14 aprox.
Canteiro 17:00 – 18:00

A Pontenova 23-06
Ferreiro 10:30 – 12:00
Visita Aula Interpretación da Pesca e Fornos de Vilaoudriz 12:30 – 14:00 aprox.

Viveiro 29-06
Regal Cerámica 10:30 – 11:30 
Visita centro histórico 12:00 – 13:30-14 aprox.
Miriam Cerámica 17:00 – 18:00

Burela 30-06
Redeiras 10:30 – 11:30
Barco Museo “Reina del Carmen” 12:00 – 13:00 aprox.