Lourenzá será a parada o 5 de novembro da cuarta edición de A Mariña en Ruta, iniciativa organizada pola Mancomunidade.

A  Mariña en Ruta, iniciativa da Mancomunidade, seguirá este sábado, día 5, por Lourenzá. Os asistentes achegaranse á figura do Conde Santo e ao fenómeno medieval da peregrinación. 

Pola igrexa de Santa María, onde se atopa o sarcófago do Conde Santo, ata o Pazo de Tovar, símbolo do poder dos señores feudais galegos durante a Idade Media discorrerá este percorrido, que estará guiado por Lidia de la Fuente, e para o que queda algunha praza. Os participantes poderán afondar na orixe dos diferentes camiños de peregrinación, de antes e de hoxe, que rodean os campos de cultivo da exquisita faba de Lourenzá. 

O pasado sábado, 29 de outubro A Mariña en Ruta pasou por Burela, de asentamento castrexo a vila medieval, guiada por Lidia de la Fuente. Foi ruta peonil no centro urbano de Burela e á beira do mar, que lles permitiu aos asistentes viaxar no tempo desde o seu orixe prehistórico ata converterse nun dos principais portos do Cantábrico. O percorrido levounos ata Cabo Burela, defensa natural para o antigo castro que escondeu durante séculos o impresionante Torques. E continuou ata a igrexa da Vila do Medio, onde as pinturas góticas son testemuña do pasado medieval dunha vila que se converteu nun dos principais portos pesqueiros do país. Xunto aos camiñantes estivo o concelleiro de Turismo burelés, Ramiro Fernández Rey. 

E o 1 de novembro a protagonista foi a ruta dos pozos no Valadouro: o das Moscas, cheo de historia, cultura e lendas ou o da Onza. Ata chegar a ese fantástico escenario os asistentes puideron observar exemplares de especies autóctonas, musgos ou plantas medicinais percorrendo o monte á beira dos ríos. A visita foi guiada por Pedro Rolle. 

Máis rutas de novembro

O 12 de novembro: Trabada, camiñando ao pasado (Trabada). 
O día 19 está programada unha visita ornitolóxica á ría de Foz. 
E o 26 de novembro rematará esta nova edición de A Mariña en Ruta con A vida aos pés da Ría de Foz-Masma (Barreiros). 

A cuarta edición de A Mariña en Ruta daba comezo o pasado 8 de outubro. Trátase dun proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. 

A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta Email: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono 644 009 722