Mondoñedo celebra o 7 de setembro a IV Festa da Xuventude na que actuarán Hugo Torreiro e Carlos Bau.

Mondoñedo acollerá este venres, 7 de setembro, a cuarta edición da Festa da Xuventude. O concelleiro Alberto García explicou durante a súa presentación na que estivo acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que este departamento autonómico “sufraga integramente” a celebración que se desenvolverá na praza do Concello despois do festival “Mamá quero cantar” que comezará ás dez da noite.

Esta cuarta edición da Festa da Xuventude contará coa música de Hugo Torreiro e Carlos Bau que se unen no espectáculo denominado #DosEnPunto a través do que repasan os grandes éxitos da música pop española: dende Camilo Sesto a Los Suaves pasando por Alaska, Amaral ou Georgie Dann. A festa rematará cunha sesión dj.

A cita da comezo ás festas na honra á Virxe dos Remedios que se celebran na cidade mindoniense entre o propio venres 7 e o luns 10 de setembro.

Carpa informativa ‘Xplora Xuventude’
Tamén estará aberta na praza do Concello a carpa ‘Xplora Xuventude’ de información xuvenil e asesoramento a todos os mozos e mozas que se acheguen ao recinto entre as oito do serán e as dez da noite.