Na Feira Expomar 2017 renderase homenaxe ao Servizo de Busca e Salvamento Marítimo. Será o 27 de maio a mediodía.

O alcalde, Alfredo Llano, asegura que xa está pechado o programa e todo o que ten que ver coa Feira Náutico Pesqueira Expomar, que terá lugar do 25 ao 28 de maio. Haberá dúas presentacións do evento, unha o día 12 en Santiago e outra o 16 en Burela. O tamén presidente da Fundación Expomar anuncia como novidade que se renderá homenaxe ao Servizo de Busca e Salvamento Marítimo. Será nun acto que se celebrará o día 27 ás 12 do mediodía no recinto feiral. 

Llano contou que “onte tivemos a que presumimos que foi a última reunión da comisión organizadora de Expomar 2017 porque xa cerramos todo o programa e está todo o recinto ocupado na nave de redes situada no porto de Burela, está a tope e incluso houbo algunha firma comercial que tivo que quedar fóra por falta de espazo. Isto quere dicir que se está recuperando un pouco o sector náutico pesqueiro; polo menos as casas que traballan neste sector queren facerse ver a través desta feira exposición”.

O rexedor burelés dixo: “vaise celebrar Expomar 2017 desde o xoves 25 de maio ata o 28 de maio, que é domingo, no recinto feiral. Temos todo o programa cerrado, tanto das xornadas técnicas que hai os días 25 e 26 como do encontro empresarial, para o que hai o compromiso de moitas firmas para vir aquí e traballar sobre os temas que preocupan ao sector. Nas xornadas técnicas dos días 25 e 26 vamos tratar temas que agora mesmo preocupan ao sector. Hai moi bos relatores que saben moito destes asuntos e están representadas tamén as distintas administracións, ademais do sector pesqueiro coas súas empresas e tamén no campo científico. Eu penso que abarcamos un abanico importante, de tal xeito que quede todo cuberto sobre o que preocupa e que se debe saber agora mesmo do sector pesqueiro”.

E engadiu: “vamos tratar os retos no presente e no futuro da pesca, como o Brexit ou as obrigas de desembarque, asuntos que deben ser resoltos e hai que procurar que se mellore en todos os aspectos que agora mesmo afectan ao sector pesqueiro”.

Sobre as presentacións que haberá do evento Alfredo Llano manifestou que “se vai facer a presentación de Expomar un día en Santiago, concretamente na obra social de Abanca, que está situada na Praza de Cervantes, e será o día 12 deste mes ás once da mañá. Vamos facer alí unha presentación oficial para divulgar e difundir o que é esta feira exposición do ano 2017 en Burela. Cremos que é un bo sitio, no centro de Galicia, e por tanto esperamos que teña suficiente cobertura. E despois faremos outra, para a nosa comarca, no barco museo de Burela o 16, véspera do Día das Letras Galegas. Daranse a coñecer os nomes do relatores, os temas que van tratar, etcétera”.

E como novidade anunciou: “tamén unha cousa que vamos facer este ano por unanimidade de todos os que conformamos a organización de Expomar 2017: un acto de recoñecemento ao Servizo de Busca e Salvamento Marítimo, que estamos tratando de ultimalo para que sexa bonito para esa xente que o merece tanto. Vai ser o día 27 de maio ás 12 horas no recinto feiral. Imos facer alí un acto de recoñecemento para este servizo tan importante como é o de salvamento. Consideramos que en Expomar, que é unha Fundación moi vinculada á seguridade e á pesca, debemos facer un recoñecemento a esta xente que tanto fai para que se sintan moito máis seguros os que se dedican a este oficio. E xa o domingo 28 pola mañá será o peche e quero invitar a todo o mundo que teña interese en visitar esta feira exposición que se achegue a Burela, que non vai arrepentirse, aínda que sexa xente profana, porque vai ter moita vistosidade e vaise ver en que momento está o sector pesqueiro agora mesmo”.