Nace en Viveiro un club de lectura dentro do colectivo Pensamento e Sementeira. A primeira das actividades será o 29 de abril.

O colectivo viveirés Pensamento e Sementeira programou a “Primavera Cultural 2019”.

A primeira das actividades, o 25 de abril, estará organizada en colaboración coa asociación Mariña Patrimonio e consistirá nunha charla do profesor Xosé María Leal Bóveda que dará a coñecer os postos de vixilancia que existiron na Ría de Viveiro.

Tamén en abril, o 29, darán comezo as actividades do Clube de Lectura que nace agora dentro deste colectivo. A obra escollida para esta ocasión é “Charamuscas” de Suso Lista.

Nesta primeira sesión do Clube participará tamén o escritor que no mes de decembro pasado, presentou a súa obra en Viveiro.

Xa en maio e dentro desta mesma programación, vai ser presentado o proxecto musical e artístico “A Comuna do Barruzo” por Ugia Pedreira e Abel Pérez.

O colectivo Pensamento e Sementeira concretará nos vindeiros días outras actividades que farán parte desta “Primavera Cultural 2019”, como unha camiñada polo Rego dos Curuxos, no Viveiró (Muras) ou unha palestra arredor do activismo cultural na Mariña.

Pensamento e Sementeira está a organizar tamén actividades para conmemorar no mes der outubro o 150 aniversario do nacemento do poeta Antonio Noriega Varela (1869-1947).