
A asociación Guillem Veiga Iglesias, en colaboración coa Área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros, presenta Noites Alternativas, un novo programa de ocio nocturno inclusivo dirixido á xente nova da Mariña. O programa “busca ofrecer un espazo de encontro onde a xuventude poida participar, convivir e expresarse a través de propostas culturais e artísticas, afastadas dos modelos de ocio nocturno tradicionais”, anuncia o Concello de Barreiros, que engade: “a iniciativa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto, convertendo os xoves pola noite nunha cita destacada do verán para a mocidade de entre 13 e 18 anos”.
Entre as actividades inclúense obradoiros de rap e cultura urbana, graffiti e expresión artística, e outras propostas lúdicas como desafíos en equipo.
Noites Alternativas “quere fomentar a participación xuvenil, a creatividade, a convivencia e o respecto pola diversidade, consolidándose como unha proposta innovadora de ocio alternativo”, remata o Concello de Barreiros.


