No Cenima, en Foz, foi presentada afeira.gal, un marketplace de produtos agroalimentarios da Mariña.

O Cenima acolleu este mediodía a presentación de afeira.gal, un marketplace de produtos agroalimentarios da Mariña “100% Galicia, 100% local e 100% local”.

Afeira.gal é unha nova forma de mercar os produtos rurais e de proximidade. O obxectivo desta plataforma “é que os produtores e tenda locais poidan compartir con toda España a calidade e os auténticos sabores desta comarca”, segundo explicou Antía Vázquez, de Donapubli. 

No acto celebrado este mediodía, a través de dous vídeos, expúxose aos asistentes o funcionamento deste marketplace, a sinxela forma de mercar para os clientes e cómo adherirse ou darse de alta de xeito doado para os produtores e produtoras da Mariña.

O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, na súa intervención dixo que “hai que aproveitar as oportunidades e todas as axudas que poñen as diferentes administracións ao servizo do comercio para intentar incrementar as vendas a través dos medios dixitais. Temos que estar cada vez máis preto do cliente e traballar para conseguir a súa fidelización”.

Paleo subliñou que “temos que traballar xuntos. O noso obxectivo é poñer a calidade dos grandes produtos que temos na Mariña ao alcance dos clientes en calquera punto España. Recibimos a moitos visitantes nesta comarca en diferentes épocas do ano, que quedan encantados co peixe, co marisco, coa carne, coas hortalizas… e queren seguir consumindo todo iso todo o ano nas súas casas. E aí e onde queremos estar desde afeira.gal”.  

Desde a Federación de Comercio A Mariña o seu presidente lembrou que “afeira.gal recibiu unha achega de 48.000 euros da Dirección Xeral de Comercio, á que se suman a Área de Medio Rural da Deputación de Lugo e tamén o GDR Terras de Miranda”.

A inscrición na plataforma afeira.gal é totalmente gratuíta para os produtores/vendedores que sexan socios de calquera das oito Acias que conforman a FCAM, pero está aberta a todas as empresas da zona relacionadas coa agroalimentación de Galicia. O único que terán que facer será pagar unha pequena cota, como en calquera  outra plataforma de venda online ou asociarse á algunha das devanditas Acias. 

Para o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, “é moi boa idea dispoñer dunha páxina web para unificar a todos os produtores agrícolas, pequenas familias e empresarios, xente que produce materiais de primeira calidade. Agora estase a falar moito de macrogranxas e o punto contraposto está aquí na Mariña, temos carne de primeira, temos peixe de primeira, temos produtos elaborados como precisamente a tarta da Zapata aquí en Foz, e hai moita xente que nos visita e que nos coñece e que despois quere seguir saboreando os nosos produtos todo o ano. Esta é unha moi boa iniciativa. Hai que agradecerlle a todas as administracións participantes e hai facer comarca igual que facemos co Plan de Sostibilidade Turística da Mancomunidade, que conta cun apartado para o turismo agroalimentario, igual que fixemos tamén co programa Degusta A Mariña, que tamén tivo gran acollida, e agora unha páxina web na que poidamos mercar desde os nosos fogares e nos chegue á porta da casa simplemente usando o teléfono móbil é unha gran nova”. 

Cajoto animou “aos produtores a que se sumen, a que non deixen de subir os seus produtos e a actualizar e que funcione ben. Estas ferramentas están moi ben pensadas e ben ideadas, pero despois hai que darlles contido, ten que funcionar todos os días do ano e iso xa é un traballo arduo de todos os participantes. Temos que darnos a noraboa, pero non durmirnos para que A  Mariña siga medrando”. 

Ao acto desta mañá asistiron o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, que dirixiu unhas verbas aos asistentes; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o presidente da Federación Galega de Comercio, José Mª Seijas; o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto; e o presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez. Deputados autonómicos e provinciais, representantes das Acias da Mariña e empresarios tamén se deron cita no Cenima este xoves.