O 13 de novembro haberá teatro no Valadouro. Os Pinchacarneiros representarán "O Lazarillo do Miño".

O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para este sábado, 13 de novembro, en colaboración co Concello do Valadouro, a obra “O Lazarillo do Miño”, do grupo Os Pinchacarneiros, no Centro Sociocultural Manuel Lourenzo ás 20 horas.

O clásico Lazarillo que todos coñecemos dá paso a unha versión á galega, en concreto saída da capital lucense e representada con 13 actrices e actores sobre o escenario, nunha proposta destinada a todos os públicos.

Así, varios Lazarillos localizados nas terras do Miño, amosan unha realidade poboada de xentes de todo tipo, cregos nada caritativos, ricos que son máis ben mendigos, xente que se aproveita da boa fe dos demais ou persoas que loitan por ter un codelo de pan que levar á boca. Neste contexto, os diferentes lazarillos deberán tirar do seu enxeño para poder sobrevivir e non morrer de fame. E todo isto con moito humor, danza, teatro e, sobre todo, integración.