O 17 de xuño celébrase na Espiñeira, en Vilaronte, a Feira Anual de Gando Cabalar e Vacún que organiza o Concello de Foz.

A Delegación de Medio Rural do Concello de Foz organiza para este domingo, 17 de xuño, a feira anual de gando cabalar e vacún de A Espiñeira, na parroquia de Vilaronte. Haberá carreiras de cabalos con novidades nos premios e xuíces titulados, actuacións de grupos folclóricos e sesión vermú.

O concelleiro de Medio Rural en Foz, Pedro Fernández Manín, anuncia que “o vindeiro domingo, 17 de xuño, celébrase a tradicional feira anual de gando cabalar e vacún no barrio de A Espiñeira, na parroquia de Vilaronte”.

Fernández Manín lembra que “esta feira foi recuperada no ano 1998 por parte dos veciños e despois de vinte anos segue o Concello organizando esta feira. É un evento emblemático polo punto onde se celebra e é unha feira de toda a vida. Desde o Concello queremos apoiar a todos aqueles que nos acompañan este día. Na actualidade organiza o Concello de Foz, a través da Concellería de Medio Rural”.

Pedro Fernández engade que “a feira celébrase sempre o terceiro domingo do mes de xuño, o anterior ao San Xoán, patrón da parroquia de Vilaronte, que ten as súas festas nesta data, polo que a feira de gando é sempre antes dos festexos patronais da parroquia”.

O concelleiro salienta que “este ano cambiamos un pouco os premios para que a xente puidera acudir con máis ánimo. Haberá premios de 250 euros para o maior número de cabezas de gando cabalar, cun mínimo de cinco cabalos; de 250 euros para o maior número de cabezas de gando vacún, cun mínimo de cinco; e de 150 euros para a cabeza de gando máis destacada entre cabalar e vacún”.

Fernández Manín explica que “ás cinco da tarde teremos o típico concurso de andadura para carreiras de cabalos de menos de 1,50 e para carreiras de cabalos de máis de 1,50. O primeiro premio para cada unha das carreiras será de 200 euros e o segundo premio para cada unha delas será de 150 euros. Quero destacar que os xuíces das carreiras deste ano, como sempre había desconfianza, son titulados para as dúas carreiras e estarán co seu cronómetro electrónico e controlarán a andadura; nin sequera son do municipio de Foz”.

O edil comenta ademais que “no campo da festa, a carón da capela, estará instalado o bar Chelo, onde poderá degustarse pulpo, churrasco e lacón cocido. Para toda a xente que queira acompañarnos alí estaremos con gaitas da zona e logo a sesión vermú a cargo da famosa discoteca móbil Moraima. Estaremos encantados de estar con todos. Un forte saúdo a todos os veciños e parabéns ás da comisión de festas de Vilaronte, que empezan este ano e anímoas a que sigan facendo festas na parroquia, porque é a unión de todos os veciños”.