O 22 de maio será presentada a Banda da Escola de Música de Burela, que se estreará o día do pregón das festas patronais 2019.

Este mércores, 22 de maio, terá lugar a presentación da Banda da Escola de Música de Burela, que se estreará no pregón das festas patronais. No acto deste mércores, que dará comezo ás 13:00 horas na propia escola, participarán xunto ao alcalde e ao concelleiro de Cultura, o director da Escola e o director da Banda. 

O rexedor burelés, Alfredo Llano, manifestou que “un dos obxectivos que tíñamos nesta lexislatura, a través da Escola de Música, era conformar unha nova Banda de Música que saíra da Escola e por fin se logrou. Non é doado a creación dunha Banda, pois ten o seu espazo e o seu tempo para que conte cunha calidade e cunha cantidade suficiente de compoñentes para que sexa boa”.

Llano anunciou que “este ano imos presentar a Banda de Música cando sexa o pregón das festas, vai actuar nese acto, e vai ser presentada diante dos medios de comunicación este mércores, día 22, ás 13:00 horas, na propia Escola de Música. Imos ver a presentación dos seus compoñentes e os instrumentos que van tocar”.

O alcalde dixo que “estamos moi contentos de ter logrado este obxectivo que nos parecía que debía ser prioritario na programación da Escola de Música. Así que imos completar unha etapa educativa e sobre todo algo que creo que vai ser moi bo para o pobo de Burela e ao mesmo tempo para reforzar a oferta da Escola”.