O 27 de abril haberá teatro en Burela. Félix Rodríguez e Fran Rei porán en escena "Saaabor!" a partir das seis da tarde.

A Concellería de Cultura presenta a Félix Rodríguez e a Fran Rei en Saaabor!, unha proposta cómica para todos os públicos, de creación propia e dirixida por Avelino González. Será este sábado, 27 de abril, ás seis da tarde na Casa da Cultura. 

Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia e humor, moito ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Félix e Fran, os protagonistas, convértense durante unha hora en dous recoñecidos chefs que ofrecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, afinado menú do día: unha comida moi musical para toda a familia.

O food truck de Saaabor! chega á vila, un carro de xantar do que xorden infinidade de xogos cómicos, xogos máxicos e unha chea de obxectos de cociña cos que facer música. Unha hora de humor nun espectáculo gastronómico onde teñen cabida tanto a música como a cociña en directo. Unha produción de Culturactiva SCG que deixará a todo o público cun moi bo sabor de boca.

A presente representación conta coa colaboración da AGADIC ( Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia),  e a Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. O prezo das entradas será de 2,5 euros. A billeteira abrirá ás cinco da tarde.