O 29 de xullo terá lugar unha Ruta de Kaiaks polo litoral burelés. Partirá ás 11 da mañá da praia de Penoural.

Este sábado, 29 de xullo, terá lugar unha ruta de kaiaks polo litoral de Burela. Está organizada polo Concello e pola empresa IG10. Sairá ás 11 horas da praia de Penoural e percorrerá a costa ata o areal de Ril, segundo contou hoxe o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey.  

O edil burelés lembrou que “o vindeiro sábado, día 29, tal como tíñamos programado nas actividades deste verán, imos facer desde o Concello de Burela en colaboración coa empresa IG 10, unha ruta en kaiaks pola costa de Burela”.

Fernández Rey explicou que “para apuntarse nesta actividade pódeno facer tanto na Oficina de Turismo como na propia empresa, que está ubicada aquí na saída de Burela no Activity Center, ou na saída do recorrido que vai ser desde a praia de Penoural, a carón da Capitanía Marítima. O prezo da actividade vai ser de 10 euros e vai ter unha duración estimada dun par de horas”.

O concelleiro de Turismo subliñou que “dentro desta actividade imos contar con dous monitores da propia empresa, que van ser os responsables de que todo se desenvolva coa maior seguridade posible, e ademais a maiores desde o Concello imos proporcionar o servizo dunha zodiac de Protección Civil para que en caso de que houbera calquera cousa se poida actuar rapidamente”.

Ramiro Fernández contou que “a saída vai ser desde a praia de Penoural, a carón da praia urbana, e desde alí vaise dirixir ao Cabo de Burela e imos facer un recorrido ata a praia de Ril por toda a costa, onde poderán ver paisaxes moi bonitos e moi reconfortantes tanto para veciños como para visitantes”.

O concelleiro burelés adiantou que “hai programada outra ruta para o mes de agosto que será para ver a outra parte da costa de Burela pola ribeira do Cantiño, pero da que xa falaremos máis adiante”.